DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático da UVigo recibiu 25 votos a favor e un en contra

Humberto Michinel é elixido novo director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo

Substitúe ao profesor Arno Formella á fronte do centro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Institucional
DUVI Ourense 21/10/2020

A Xunta da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense elixiu este mércores ao novo director do centro. O catedrático da Universidade de Vigo Humberto Michinel, único candidato presentado, acadou 25 votos a favor e un en contra. Con este resultado substitúe á fronte da escola ao profesor Arno Formella, que pecha así unha etapa de case seis anos na dirección do centro, desde os inicios da súa tramitación en 2015.

O novo equipo directivo de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, paritario en cuestión de xénero, ten como director a Humberto Michinel, como secretaria a Nieves Lorenzo e como subdirectores a Higinio González, que continúa no cargo, e a Begoña Cid. “Aínda que o equipo directivo comigo á fronte será a cara da escola cara o exterior, entendo que hai unha responsabilidade de todos os membros da escola en manter o nivel de excelencia que ata agora temos. Por iso quero contar con todos eles: profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos, para que sigamos sendo un dos referentes en docencia de excelencia entre as escolas de enxeñaría de Galicia”, explica o catedrático.

Sobre a asunción deste posto, Humberto Michinel destaca como “tras máis de 20 anos impartindo docencia no campus de Ourense, creo que é bo momento para dedicar algún esforzo a tarefas de xestión para afrontar a nova etapa de posgrao que se abre na escola e de paso axudar ao campus de Ourense a saír adiante nunha situación especialmente complicada como é a da pandemia que estamos a vivir”. Ademais, engade, “creo que o meu perfil, que é de investigación e transferencia, axústase ben a esta nova e apaixonante fase de incorporar a I+D+i á escola a través de proxectos tractores que, co apoio da Xunta e de organismos nacionais e  internacionais, teñan un efecto de arrastre tecnolóxico de novas liñas de traballo no sector”.

Potenciación da investigación, a transferencia e o posgrao

Sobre o mandato que asume, Michinel apunta como “temos retos importantes como a implantación do mestrado en Enxeñaría Aeronáutica cuxo primeiro ano espero que se comece a impartir o próximo curso e que se vai a nutrir fundamentalmente dos egresados desta escola, de maneira que eles poderán iniciar o mestrado no mesmo centro no que fixeron o grao”. No segundo curso, engade, “haberá unha parte que se impartirá na Coruña máis en relación con infraestruturas de aeroportos, para aqueles alumnos que queiran especializarse nesa área”. Nesta nova etapa á fronte do centro, Humberto Michinel destaca que “especialmente imos potenciar a investigación e a transferencia tecnolóxica con estruturas como os doutoramentos industriais europeos, nos cales os estudantes fan a metade do seu doutoramento na universidade e a outra parte nunha empresa estranxeira, para o que xa estamos en contacto con compañías de alta tecnoloxía de Alemaña que teñen que ver con aplicacións no sector aeroespacial. É algo moi atractivo para o alumnado dadas as inmellorables condicións das bolsas”.

“Entendemos que o grao está basicamente operativo coa saída da primeira promoción e agora o reto principal é crear estruturas que permitan xerar uns estudos de posgrao da máxima calidade tanto a nivel de mestrado como de doutoramento, sen esquecer a parte de transferencia á empresa. En definitiva queremos converter á escola nun axente decisivo na formación do futuro tecido do sector aeroespacial galego, que os nosos egresados e egresadas pronto empezarán a liderar”.

Catedrático do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo desde o ano 2010 e doutor en Física pola USC, Humberto Michinel está especializado no eido da fotónica e tecnoloxías do láser, tendo coordinado nas tres universidades galegas un mestrado nesta especialidade durante dez anos. Presidente da Sociedade Europea de Óptica desde 2017 a 2020 e secretario xeral da Comisión Internacional de Óptica desde 2017, imparte toda a súa docencia en Física na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo desde a súa fundación, onde ademais dirixe o grupo de investigación en Enxeñaría Física.