DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo Miguel Ángel Violán, ex coach do piloto Jorge Lorenzo:

“A humildade é unha das claves do éxito. Ser humilde faite máis competitivo”

O autor do “Método Guardiola” ofreceu un relatorio na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo p

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
DUVI 21/09/2009
Noelia V. Vilanova | Ourense
Os novos estudantes da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo deron este luns a benvida ao curso cunha lección moi importante: só as organizacións que teñan bos líderes poderán aspirar a lograr bos resultados. Cun relatorio titulado “El Método Guardiola: buenos líderes, buenos resultados”, Miguel Ángel Violán, ex coach do piloto Jorge Lorenzo, foi o encargado de dar a coñecer ao novo alumnado algúns dos principais valores que contribúen a un liderado con éxito, a través de exemplos futbolísticos e referencias a súa experiencia como directivo no sector hoteleiro.
Violán, que actualmente é formador de comunicadores e profesor colaborador, entre outras, da Escola de Administración de Empresas de Barcelona e do Instituto de Empresa de Madrid, explicou como “os valores da dirección ben empregados conducen á excelencia”. En apenas 45 minutos o autor do Método Guardiola expuxo unha síntese do seu libro, centrándose nas claves do éxito do coñecido adestrador de fútbol, xa que “as cousas boas que fixo Guardiola poden funcionar noutros ámbitos como empresas, universidades ou ONG’s”.

O esforzo e a humildade: dúas claves básicas para o éxito

Fai pouco máis dun ano o Fútbol Club Barcelona estaba en crise, tiñan que facer un cambio na súa xestión e ese cambio foi elixir como novo adestrador a Pep Guardiola. Con el ao fronte do equipo conseguiuse o éxito e moitos se preguntan cales foron as claves para obtelo e, sobre todo, “as cousas boas que fixo poden extrapolarse a outros ámbitos? A resposta é si”, afirmou Violán.
No seu libro, este formador de comunicadores, expón “unha serie de valores transversais que se poden aplicar noutras actividades directivas e que axudan a acadar o éxito”. En primeiro lugar , segundo Violán, hai que ter claro “o valor de ter valores, que as vacas contentas dan máis leite e como muxir as vacas sagradas”, noutras palabras, é preciso ter uns principios sólidos e todo o mundo sabe que as persoas contentas traballan máis e mellor, pero hai que ter especial coidado con “aqueles talentos especiais que, por suposto, cobran máis que o resto do equipo” á hora traballar con eles. Na opinión de Violán, “o fútbol é un gran circo emocional en mans de grandes mercenarios que se moven por cartos”.
Entre outras claves para o éxito, Violán apuntou ao esforzo, ao coñecemento do terreo que se pisa, ao pequeno detalle que permite marcar a diferenza, á autoesixencia continua e á visualización do éxito. Tamén hai que ter moi en conta “o traballo en equipo, que todo o mundo teña claro cal é o obxectivo a conseguir, xa que ningún vento é favorable se non se sabe cara onde se vai”. Por suposto, “ten que gustarche o que fas, xa que de non ser así por moito que te esforces nunca o farás tan ben como a alguén que lle guste”, esta é a base para outra das claves do éxito: “o equilibrio emocional”.
Entre todas as recomendacións que Violán ofreceu, dúas destacan por riba das demais: a humildade e o sentido común. “Hai que ser humilde, respectar á competencia, telos en conta e aprender dos que son mellores. Iso faite máis competitivo”, afirmou Violán. Tamén hai que ter en conta que a sorte xoga un papel importante, sen embargo, “cada un é a causa da súa boa fortuna”.
Para rematar, Violán explicou que o Método Guardiola “pode non funcionar, pero garante a sensación do deber cumprido, é dicir, fixen todo o que estaba nas miñas mans”.