DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Humor con sabor europeo coa actuación de Fraser Hooper no Centro Comercial

O teatro de rúa volveu amenizar o xantar á comunidade universitaria

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 26/11/2008

Mimo, comedia xestual e vaudeville fusionáronse este mércores coa tradición dos grandes clowns no Centro Comercial da Cidade Universitaria. Nesta ocasión o espectáculo correu a cargo de Fraser Hooper, un dos principais clowns europeos, que presentou “Strawberry”, un espectáculo dinámico con altas doses de humor, no que o seu protagonista, sen apenas dicir unha palabra, mantén unha interacción continua co público, que se converteu tamén en parte indispensable da acción.
Os comensais convertidos en mesa ou os estudantes en percheiros foron algúns dos métodos que Hooper empregou para conseguir a complicidade do público, conseguindo facer rir ao máis serio.


Un artista completo con sabor europeo

“Strawberry” supuxo a visita ao campus de Vigo dun dos principais clowns europeos. A súa experiencia como mimo, cómico, malabarista e monociclista convérteno nun artista completo que conquista ao público internacional desde o primeiro momento co seu estilo único de clown contemporáneo. A vida de Fraser Hooper estivo sempre ligada á súa profesión. Formouse traballando durante varios anos co pallaso francés Phillipe Gaulier e tamén pasou por varias compañías de circo.
Os coñecidos festivais de Edimburgo, Adelaida Fringe de Australia, Glastonbury ou o Festival de rúa de Libourne, son algúns dos escenarios polos que este xenio chegado de Inglaterra paseou o seu indiscutible talento para facer rir ao máis serio. A esta lista engadimos agora a Cidade Universitaria viguesa, entre outros escenarios galegos.