DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ourense acolle esta cita organizada desde as universidades de Vigo e Fluminense de Río de Janeiro

O I Congreso Euroamericano de Dereito e Política propón unha abordaxe crítica do estado de benestar

Entre o centenar de asistentes está unha delegación de 40 investigadores e docentes de Brasil

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 18/04/2017

Ser un foro de discusión e intercambio de experiencias das realidades trasatlánticas sobre temas de influencia directa nas áreas socioeconómicas e políticas dos dous continentes. Con este obxectivo, o campus de Ourense acolle deste este martes e ata o xoves a primeira edición do Congreso Euroamericano de Dereito e Política. A cita, organizada pola Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo e o Programa de Pós-Graduação em Justiça Administrativa da Universidade Federal Fluminense de Río de Janeiro, de Brasil, reúne a un centenar de investigadores e docentes dun e doutro lado do Atlántico coa idea de realizar unha análise crítica sobre as grandes problemáticas que afrontan os estados e o dereito na actualidade. Entre os temas postos sobre a mesa están a crise do modelo de benestar, o impacto da globalización ou o afastamento da cidadanía das súas institucións.

O congreso, explicaron os seus organizadores, nace froito do contacto investigador entre persoal das dúas institucións académicas e bota a andar co desexo de converterse nunha cita periódica para o intercambio de coñecemento e experiencias e a reflexión en áreas de interese común. O seu comité organizador está composto desde a Universidade de Vigo por Antón Lois Fernández, profesor doutor da Área de Ciencia Política e da Administración, e por Guillermo Suárez, catedrático de Dereito Romano e Sistemas Xurídicos Comparados. Por parte da Universidade Federal Fluminense lidera a participación Edson Alvisi Neves, catedrático da súa Facultade de Dereito.

Cara un novo concepto de goberno

“Esta iniciativa fúndase en accións plurais de internacionalización e de realidades comparadas que están influenciadas e son conexas”, destacou Guillermo Suárez durante a inauguración da cita. A globalización, detallou o directo académico do congreso, “vai a transformar o goberno mundial tradicional baseado no poder dos estados nacións. Un novo concepto baseado nos poderes supranacionais e transnacionais con relacións cada vez máis horizontais e menos xerarquizadas está reformulando a forma de gobernar”. Neste contexto, apuntou Antón Lois Fernández, este congreso xorde co espírito de ser “un punto de encontro para as achegas científicas e tamén para a creación de sinerxías de intercambio de ideas e culturas”.

En representación da delegación brasileira, formada por 40 docentes e profesores, Wilson Madeira, decano da Facultade de Dereito da Universidade Federal Fluminense, lembrou como esta institución académica conta na actualidade con arredor de 35.000 estudantes e 4000 docentes, sendo a quinta universidade do país en produción académica. Neste marco, indicou, a súa facultade “ten procurado facer unha lectura crítica da actuación xurídica no Brasil e unha aproximación aos intereses sociais”, abordando cuestións como os dereitos humanos ou os conflitos socioambientais. Esta abordaxe “desde un punto de vista crítico e anticolonizador”, engadiu Wilson Madeira, "casa" cos intereses do congreso posto en marcha agora entre investigadores das dúas institucións académicas.

Amosando o seu apoio a esta iniciativa, a inauguración do evento tamén contou coas intervencións de Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, que recalcou “a situación de privilexio para tender pontes con Iberoamérica que ten a Universidade de Vigo”; de Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, que subliñou o acaído de abordar esta cuestión no “convulso momento político actual”; e de Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, que destacou a importancia do intercambio de coñecemento e experiencias entre as institucións académicas.

A distancia entre sociedade e sistema

A conferencia inaugural correu a cargo de Silvan Luiz Hansen, que abordou desde un punto de vista crítico se hoxe en día aínda se fan necesarios o dereito e a política en canto sistemas. O profesor titular de Dereito Privado da Universidade Federal Fluminense explicou aos asistentes como “diante dun mundo tan conflitivo como o actual, o dereito e a política parecen consolidar dominacións e iso distorsiona o papel que historicamente, e de xeito especial o dereito, desempeñaron nas colectividades, na medida en que garantían o exercicio do poder con equilibrio e a xustiza”. Hansen apuntou como nos dous continentes o dereito se tornou “tan técnico e burocrático” que provocou “un distanciamento das demandas das poboacións”, unha creba entre as expectativas dos cidadáns e a resposta dos sistemas político e de dereito. Este fenómeno, advertiu, “é ao meu parecer perigoso porque abre espazos para posicións fundamentalistas de diferente tipo”, citando exemplos como a elección de Donald Trump como presidente dos Estados Unidos.

A primeira xornada do congreso tamén contou cunha mesa redonda sobre Sistemas políticos europeos e americanos: unha ollada cara o federalismo, na que participaron Napoleão Miranda, da Universidade Federal Fluminense; Antonio Carlos Pereira, da Universidade de Santiago de Compostela, e Álvaro López, da Universidade de Vigo, moderando Guillermo Suárez. O programa continuará o mércores e xoves con mesas redondas sobre temas como a historia das institucións políticas e xurídicas europeas e sudamericanas e as relacións políticas e cooperación entre a Unión Europea e América do Sur, ademais dun amplo panel de presentación de comunicacións a cargo de investigadores dos dous países.