DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola Cátedra Telefónica e a Universidade de Vigo, terá lugar este venres en Citexvi

O I Encontro Ágora reunirá representantes da industria, a administración e a universidade para analizar o impacto da innovación tecnolóxica na industria

Participan, entre outros, os conselleiros de Economía e Medio Rural e o director de Stellantis

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Institucional
M. Del Río DUVI 22/03/2022

Dixitalización, intelixencia artificial, automatización… a industria está xa a vivir unha nova revolución, a do 4.0 e as tecnoloxías emerxentes están a cambiar significativamente os procesos de fabricación. Para analizar este escenario este próximo venres 25 o campus acollerá un debate entre representantes da industria, a administración e a universidade no marco do I Encontro Ágora, unha iniciativa impulsada pola Cátedra Telefónica e a Universidade de Vigo.

Enmarcada no programa Espazos de Innovación, esta cita terá lugar en Citexvi a partir das 11.00 da mañá e contará coa participación, entre outros, dos conselleiros de Economía, Francisco Conde, e de Medio Rural, José González, xunto con representantes de empresas como Stellantis Vigo ou Telefónica, e persoal de varios grupos de investigación da Universidade de Vigo. A través de tres mesas de debate tratarán de analizar o grao de dixitalización actual na industria galega, as súas necesidades e propostas. Ao longo da xornada exporanse algunhas ideas e iniciativas para axudar a crear unha contorna innovadora, dixital, intelixente e competitiva e analizarase o papel dos diversos axentes sociais, a universidade, as empresas e os gobernos. 

Por outra banda tamén se porá o foco no futuro, poñendo enriba da mesa diferentes visións sobre como serán as fábricas nuns anos e como novas tecnoloxías e como o internet das cousas ou a computación cognitiva están axudando a transformar e potenciar a súa competitividade. Un terceiro punto de enfoque será como estas tecnoloxías emerxentes poden activar e transformar a innovación na industria e na sociedade, por exemplo, os procesos produtivos, a seguridade, o desenvolvemento social, etc.

Tres mesas de debate

A xornada arrancará ás 11.00 horas cunha mesa redonda institucional na que, baixo o título A industria como unha contorna dixital e competitiva, participarán Francisco Conde, vicepresidente segundo e Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia; Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Manuel Ángel Alonso, director xeral de Telefónica Norte e Ignacio Bueno, director de Stellantis Vigo. Neste primeiro debate, moderado pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, analizarase a dixitalización e innovación tecnolóxica na transformación das empresas a través de casos de éxito e programas e iniciativas que fomenten a competitividade, a confianza e a sostibilidade. 

A segunda mesa centrarase na innovación industrial e o seu futuro. Investigadores e representantes da Xunta e empresas reflexionarán sobre os avances tecnolóxicos e as súas implicacións sociais. Participarán neste debate Mar Pereira, directora de Amtega; Paula Beirán, directora de Telefónica en Galicia e Asturias; Juan José Areal, responsable de Proxectos de Innovación de Stellantis-Vigo; Rebeca Díaz Redondo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo; Carlos Prado, catedrático da Escola de Enxeñería Industrial da UVigo e Luis Álvarez-Sestelo, CEO Optare Solutions. Acompañados por un grupo de estudantes e docentes, debaterán sobre diferentes perspectivas de futuro, que pasan pola relación entre máquinas e humanos na industria, os espazos de fabricación intelixente, os cobots ou robots colaborativos ou a mellora da produtividade a eficiencia a través da automatización e outros avances tecnolóxicos e tendencias.

Tras un descanso, a xornada continuará coa presentación da Cátedra Telefónica-UVigo da man do seu director, José Cidrás, que estará acompañado de Felipe Gil, profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo e investigador principal do proxecto Red5G; Guillermo Fernández Sánchez, alumno de Enxeñería Industrial e mellor orador da Liga Española de Debate Universitario STEM 2021 e Martina Páramos, alumna de Enxeñaría de Telecomunicación e Premio Sofia: Reto IA para el Hogar.

Finalmente, o evento pecharase cunha terceira mesa de debate sobre tecnoloxías e innovación aplicadas á prevención de incendios forestais. Nesta conversa participarán José González, conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia; Juan Picos, director da Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra; Julia Armesto, docente da Escola de Enxeñaría Forestal e Fernando Aguado e Verónica Santalla, profesores da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. O debate será moderado por José Manuel González, da Consellería de Medio Ambiente.

Inscrición na xornada