DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As ponencias celebraranse do 20 ao 24 de outubro na Casa das Campás

O I Foro de Educación contra a Violencia de Xénero invita a reflexionar sobre as medidas de protección á muller

O prazo de inscrición continuará aberto ata o día 17

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 14/10/2008

Detrás da prevención e da protección contra a violencia de xénero hai un traballo encomiable que moitas veces pasa desapercibido. Facer máis visible este labor é o obxectivo do I Foro de Educación contra a Violencia de Xénero que se desenvolverá do 20 ao 24 de outubro na Casa das Campás.
A través de exposicións, ponencias e mesas redondas, este foro organizado pola Vicerreitoría de Extenxión Cultural e Estudantes en colaboración coa Vicerreitoría do campus e a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta, abordaranse diferentes aspectos deste problema social. “Non imos ofrecer receitas para acabar coa violencia, pero si cremos que a través dunha educación que transmita valores de igualdade sería máis difícil que unha persoa exercese situacións de poder sobre outra”, sinala a psicóloga e directora do foro, Herminia Dios.

A situación da muller desde diferentes perspectivas

A importancia da educación como vehículo transmisor de valores de igualdade será o tema central da primeira xornada do foro, que contará coa presenza de José Manuel Toriñán, Catedrático de Pedagoxía na Universidade de Santiago de Compostela e experto en temas de interculturalismo e convivencia pacífica. O tratamento da figura da muller nos ámbitos da comunicación e da publicidade centrará o debate no segundo día, cando Cristina Caruncho e Purificación Mayobre, ambas na Cátedra de Estudos Feministas da Universidade de Vigo, achegarán a súa visión sobre o tema. O programa continuará cunha xornada adicada á xurisprudencia e os instrumentos de protección e seguridade que a lei prevé nos casos de violencia e cun cine fórum que detallará a experiencia de intervención pedagóxica no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar. As xornadas rematarán o venres cunha ponencia da fiscal da Sala de Violencia sobre a Muller e unha mesa redonda que achegará diferentes abordaxes sobre o tema.

Lugares para formalizar a matrícula

A matrícula está aberta para todos os interesados ata o 17 de outubro. O prezo será de 20 euros, cunha reducción do 25% para os membros da comunidade universitaria e do 50% para os que acrediten ser bolseiros do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. No campus de Pontevedra, a inscrición pode realizarse no rexistro auxiliar da EU de Enxeñaría Técnica Forestal ou na Vicerreitoría. En Vigo, os lugares habilitados para formalizar a matrícula son a oficina de Extensión Cultural no Edificio Miralles ou o rexistro auxiliar da EUET Industrial. En Ourense os interesados deberán acudir ao rexistro do Edificio Administrativo.

Máis información e ficha de inscrición en www.extension.uvigo.es