DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A I Xornada Antitabaco achégase por primeira vez ao campus para fomentar os hábitos de vida saudables

O martes 19 na Biblioteca Central e no Edificio de Ferro

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 15/05/2009

Aproveitando que o 31 de maio se celebra o Día Mundial sen Tabaco, a Área de Deporte e Saúde do campus prepara para o próximo martes 19 a I Xornada Antitabaco, grazas a cal tanto os fumadores como os que non o son poderán realizar “probas de cooximetría que miden a cantidade de monóxido de carbono (CO) en aire expirado”, explicou Guillermo Santos, coordinador da xornada. Tamén lles facilitarán información sobre as consecuencias que provoca ter niveis de CO superiores aos normais nos pulmóns e ofrecerán consellos, partindo dos resultados obtidos, para levar unha vida máis saudable, incidindo de xeito especial na alimentación e na práctica deportiva.
O principal obxectivo desta iniciativa, que se realiza por vez primeira no campus, é que “os que participen coñezan os niveis de CO que teñen nos pulmóns e se informen sobre o que iso provoca”.

Probas libres e gratuitas

A xornada, que conta coa colaboración da Consellería de Sanidade e o Concello de Ourense, desenvolverase no campus dende ás 11 ata as 14 horas. Instalaranse dúas carpas nos puntos de paso habituais, unha diante da Biblioteca Central e outra no Edificio de Ferro; “no caso de que o tempo non acompañe situaranse dentro dos edificios”, apuntou Santos. Nestes postos atoparanse dous médicos da Consellería e técnicos do Concello encargados de realizar as probas e os stands informativos. Todos os que o desexen poderán achegarse a coñecer o estado dos seus pulmóns, xa que a xornada está aberta a toda a sociedade.