DUVI

Diario da Universidade de Vigo

I Xornada Antitabaco para un campus sen malos fumes

Os participantes puideron coñecer os seus niveis de monóxido de carbono no seu organismo

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 19/05/2009

A principal causa previsible de enfermidade e morte na actualidade é o tabaco pero, ás veces, o que nos digan non é suficiente, precisamos probas que nos demostren esta realidade. E isto foi precisamente o que os membros da comunidade universitaria puideron comprobar hoxe na I Xornada Antitabaco: os seus niveis de monóxido de carbono mediante unha proba de cooximetría. O campus acolleu esta campaña para loitar contra os malos fumes con varios puntos de información nos que un equipo médico realizou probas e facilitou información sobre as consecuencias que ten para a saúde fumar e consellos para conseguir deixar este hábito.
A cooximetría achegoulles a moitos dos participantes a evidencia que precisabam para decatarse do nocivo do tabaco. Soprando nun aparato semellante aos que se empregan nas probas de alcoholemia, “podemos dicir o valor de monóxido de carbono en partes por millóns en aire expirado que ten unha persoa”, explicou José Luis González, médico do Departamento Territorial da Consellería de Sanidade, encargado de realizar as probas. Grazas á cooximetría tamén se dá a coñecer a porcentaxe de carboximoglobina, é dicir, “a cantidade de hemoglobina que está bloqueada polo monóxido de carbono”. Esta substancia é altamente prexudicial e a principal fonte que a introduce no noso corpo é o tabaco, “xa que este gas prodúcese por unha mala combustión, como cando se prende un cigarro”, apuntou González.
Ademais das probas, tamén se realizou un rexistro dos datos básicos de cada participante, idade, sexo, se é fumador, etc., para posteriormente poder establecer un perfil das persoas que se achegaron ata as carpas e poder extraer estatísticas xunto cos resultados. Esta información xeral será posteriormente “enviada á Dirección Xeral de Saúde Pública e alí será informatizada para traballar con ela e poder dala a coñecer”, precisou González.
Tras realizar as probas, “aos fumadores recoméndaselle deixar de fumar ou polo menos tratar de reducir o consumo”, pero por moito que se lle aconselle o máis importante é que esa persoa queira facelo. No caso de tomar esa decisión, na carpa facilitóuselle información para poñelo en antecedentes “do que lle vai a pasar, canto tempo dura o período de abstinencia e ata que momento pode recaer, xa que ata que pasa un ano non se pode dicir que unha persoa sexa ex fumadora”.

A valoración da xornada

Segundo o equipo médico encargado de realizar as probas, “a campaña está sendo moi positiva, acudiron bastante persoas e están moi interesadas nos consellos e na información”, dixo González. Sen embargo, os participantes foron máis críticos. Coincidiron en que “está é unha boa iniciativa, aínda que non creo que sirva para a xente deixe de fumar”, comentou Isabel Armada, estudante de Ciencias da Educación. No caso de Jorge Fernández, estudante da ESEI, “a iniciativa é positiva porque sirve para coñecer como está a túa saúde, sobre todo se es fumador pasivo”. Pero tamén coincidiu en que “non creo que sirva para concienciar aos fumadores”. Pola súa banda, outro dos participantes nas xornadas, Diego Fernández, traballador do campus, considera que “este tipo de probas que permiten coñecer o teu estado son interesantes, porque a partir de aí a xente pode crer con máis seguridade o que lle din”. Sen embargo tamén apuntou que “os que queiran seguirán fumando, aínda que pode que axude ás persoas que están indecisas sobre deixalo”.

Niveis habituais e consecuencias do monóxido

Os niveis normais de monóxido de carbono en aire expirado para unha persoa non fumadora están en cero. No caso dun fumador habitual son de 8-9 partes por millón, un fumador pasivo podería ter entre 4-5. Sen embargo, cando unha persoa deixa de fumar, ao día seguinte os valores xa se normalizan polo que os beneficios de abandonar este hábito enseguida se comproban.
Aparte doutras consecuencias propias do tabaco, o monóxido de carbono, en concreto, ten un efecto directo sobre o corazón. Esta substancia bloquea parte do noso sangue que transportaría máis monóxido que hemoglobina o que a súa vez provoca que o noso sangue non sexa tan operativo. Cando estamos a desempeñar unha función precisamos un aporte de sangue para os órganos ou músculos que vaiamos empregar, se temos a hemoglobina bloqueada a demanda de osíxeno é a mesma pero non está no mesmo volume, polo tanto o corazón deberá bombear máis sangue para aportar o mesmo osíxeno, o que provoca que teña que traballar con máis frecuencia.