DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Están organizadas polo profesor Daniel Martí, que é membro de Dir Com Galicia

I Xornadas de Dirección de Comunicación para estimular a saída ao mercado laboral de novos titulados

Terán lugar na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación os días 14, 15 e 16 de xuño

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 09/06/2010

Estas datas significan para moitos estudantes rematar a carreira e comezar unha nova etapa como novos titulados chea de incertezas. É o caso dos licenciados en Publicidade e Relacións Públicas, aos que lles preocupa a ambigüidade en torno aos ámbitos nos que poden exercer, dentro dun sector de tan recente, tan amplo e en constante renovación como é o da comunicación. Orientar e estimular a súa saída ao mercado laboral é o obxectivo das I Xornadas de Dirección en Comunicación en Galicia, coordinadas por Daniel Martí Pellón, profesor e membro de DirCom Galicia. Terán lugar os días 14, 15 e 16 de xuño na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e son de acceso libre ata completar aforo.
Nelas participarán directores de comunicación de empresas e axencias asentadas en Galicia, todos eles membros de DirCom. A delegación galega desta asociación fundouse en setembro de 2009 co obxectivo de desenvolver a profesión para acadar unha maior especialización. Nestes meses reuniuse cos principais medios de Galicia e celebrou varios seminarios que se completan con estas xornadas, a súa terceira visita a unha universidade galega. Neste caso, foron convidados para describir o panorama corporativo, as súas relacións cos medios e o estado actual do perfil profesional en distintos tipos de organizacións. “O concepto da comunicación corporativa mudou moito e é algo moito máis amplo que enviar notas de prensa”, comenta Daniel Martí, ao que engade que “o que está en xogo non é só a profesionalización, senón a imaxe final de Galicia”.

Poñer en contacto o mundo da experiencia cos novos titulados

“Repetir rutinas non é a mellor solución”, sinala o profesor, polo que considera fundamental poñer en contacto o mundo da experiencia cos novos titulados, para que os expertos lles axuden a trazar o seu itinerario laboral e para debater conxuntamente os problemas da profesión. “Trátase, por unha banda, de achegar ao alumnado o máis posible a un entorno real e, pola outra, de establecer sinerxías entre o mundo empresarial e a Universidade, pois hai temas que están máis latentes no ámbito académico, como é o caso das redes sociais, que poden mellorar enormemente as relacións cos medios dos directores de comunicación”, explica. Martí Pellón subliña a importancia de que os directores de comunicación coñezan aos alumnos e alumnas da facultade, as súas inquietudes, o seu desánimo ante as baixas expectativas profesionais e, sobre todo, o esforzo da especialidade de Relacións Públicas por establecer un perfil profesional do comunicador. “Existen problemas obxectivos de comunicación en empresas e en institucións, polo que cómpre darlles a coñecer a existencia de expertos que saben como contactar cos diferentes públicos”, recalca.

Detalles do programa

O primeiro día abrirá a quenda de intervencións Felipe Vieira, socio-director de Ideo Comunicación, para achegar as claves da comunicación institucional, organizacional e empresarial. Deseguido falará Pedro Linares, socio-director de Europublic, quen analizará como xestionar as relacións cos medios de comunicación.
Na segunda sesión participan Elba Pedrosa, directora de Pedrosa Comunicación, e Fernando Ojea, director de comunicación da CRTVG. A primeira abordará as estratexias de comunicación para o posicionamento dunha organización. Pola súa banda, Fernando Ojea tratará as principais tendencias na comunicación social.
Lito García Abad, director de comunicación interna de Caixa Galicia, e Teresa Díaz-Faes, socia-directora de Mundinova Consultores de Comunicación, serán os protagonistas da xornada de peche con dous relatorios centrados na importancia da comunicación interna como primeiro chanzo para unha boa comunicación corporativa e na súa contribución a unha maior competitividade.