DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dende o 4 ata o 7 de maio no Edificio Xurídico-Empresarial

As I Xornadas sobre primeiros auxilios dan comezo ensinando os coñecementos básicos para salvar unha vida

O relatorio inaugural correu a cargo de Francisco Aramburu

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 04/05/2009
Nunca se sabe cando pode suceder un accidente e, ante unha urxencia, o mellor é estar preparado porque a actuación nos primeiros momentos pode ser decisiva para salvar a vida dunha persoa. Por iso, a asociación OPICO, organiza as I Xornadas sobre primeiros auxilios que, dende este luns e ata o xoves 7 de maio, se desenvolverán na aula magna do Edificio Xurídico-Empresarial. Ao longo destes catro días os participantes do curso, que leva por lema Calquera pode salvar unha vida, coñecerán as bases e técnicas dos primeiros auxilios, a lexislación sobre a materia e os protocolos de actuación no caso de atoparse cunha vítima.
Segundo datos da Cruz Vermella “ao ano prodúcense cen millóns de emerxencias e saber aplicar os coñecementos precisos nos primeiros momentos críticos pode salvar vidas”, dixo a directora da Escola Universitaria de Enfermería, Rosario Alonso. Saber actuar con eficacia e rapidez e coñecer as bases dos primeiros auxilios “é fundamental para elevar o nivel de supervivencia”, continuou Alonso, quen animou aos participantes a facer “todas as preguntas necesarias para asentar ben estes coñecementos”.
Pola súa banda, o vicedecano da Facultade de Dereito, Rafael Fernández destacou a importancia da realización destas xornadas “xa que ofrecen un compoñente formativo moi interesante” e felicitou á asociación OPICO pola organización das mesmas, “fan sempre un traballo moi bo e con gran poder de convocatoria”.
Dende a organización, Rodrigo González, presidente de OPICO, sinalou a necesidade de realizar xornadas “que complementen a formación regrada xa que hai temas que non se tratan nos planos de estudos e que son precisos para a nosa vida”. Na súa opinión a formación en primeiros auxilios “debería comezar a adquirirse dende a escola, porque calquera se pode ver nunha situación de emerxencia”.

Xornada inaugural

Tras a inauguración, as xornadas entraron en materia, comezando coa intervención de Francisco Aramburu, presidente da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias de Galicia, que afondou na importancia de prestar os primeiros auxilios ao accidentado, facendo fincapé nos principais coidados e as normas xerais para realizalos. Para comezar, Aramburu definiu o que son os primeiros auxilios, “medidas ou actuacións que realiza o auxiliador no mesmo lugar do accidente con medios improvisados ata a chegada do persoal sanitario”. Unha reacción inmediata pode reducir o efecto das lesións da vítima e incluso salvarlle a vida, pero non hai que esquecer as limitacións que ten o auxiliador como son “o illamento do centro sanitario e a escaseza de medios e coñecementos”. Por iso hai que lembrar sempre que "ningunha intervención xustifica a morte do que acude na axuda do accidentado”. Como normas xerais, Aramburu destacou que “hai que conservar a tranquilidade para poder actuar con rapidez, non separarse da vítima, non arriscar a vida e afastar aos curiosos”. Ademais tamén é de vital importancia facerse unha composición de lugar “dando prioridade ás lesións que poñan en perigo a vida”.
Tras o relatorio inaugural a xornada continuou afondando nos aspectos lexislativos que rodean os primeiros auxilios, facendo referencia á normativa aplicable e aos dereitos e deberes no caso de prestar axuda ou sufrir un accidente.

Protocolo de actuación e tratamento de casos

As xornadas continuarán ao longo da semana afondando nos protocolos de actuación básicos que se deben coñecer e no tratamento dos casos que se producen de xeito máis frecuente. O martes 5 un equipo de formadores da Cruz Vermella de Ourense impartirá un módulo práctico no que se explicará a conduta PAS (Protexer, Alertar e Socorrer) e ensinarán a realizar a Reanimación Cardio-Pulmonar e a desobstruír as vías aéreas. O día 6 tratarase a actuación en caso típicos como lipotimias, desmaios, ataques de ansiedade, intoxicacións ou reaccións alérxicas entre outros; e xa para rematar o xoves 7 terá lugar unha conferencia sobre os primeiros auxilios en casos de drogas e alcol e un taller para poñer en práctica as manobras e técnicas aprendidas ao longo das xornadas.