DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras un acordo co Concello destinaranse 515.000 euros á asistencia activa de alumnos empadroados en

O IBI que paga a Universidade revertirá no seu alumnado coa creación de bolsas e axudas

O goberno local tamén cederá un aula no centro urbano para impartir cursos de idiomas na cidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 17/01/2013

Pagarase o Imposto de Bens Inmobles, pero para que revirta directamente no alumnado da propia Universidade de Vigo. O reitor Salustiano Mato e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, chegaron hoxe a un acordo polo que a institución viguesa abonará os 515.000 euros anuais que ten que desembolsar polos seus edificios do campus de As Lagoas-Marcosende e polas escolas de Torrecedeira, pero a cambio de investir todos os cartos no propio estudantado da Universidade. Será a través dun convenio de colaboración que permitirá pór en marcha bolsas e axudas para comedor ou transporte, entre outras, "que beneficiarán directamente" a aqueles estudantes que estean empadroados en Vigo. "Queremos que os cartos repercutan na cidade e, a través do IBI, haberá un número importante de alumnos que reciban asistencia activa", recalcou Caballero tras a reunión mantida hoxe con Mato e co vicerreitor de Economía e Planificación, Xosé Manuel García, nas dependencias municipais.

Nas vindeiras semanas o propio vicerreitor de Economía reunirase coa concelleira de Facenda, Raquel Díaz, para seguir traballando e pechar o acordo, que serve para "afianzar a alianza estratéxica entre ambas as dúas institucións e aumentar a nosa visibilidade na propia cidade", recordou Mato. Un empeño especial de "colaboración e entendemento" cunha institución que o alcalde calificou como "elemento diferenzador e dinamizador con beneficios incalculables para Vigo".

Deste xeito ponse punto e final ao contencioso aberto entre ambas institucións "para resolver as diferenzas de opinión", xa que a Universidade a exención de pago e a devolución das taxas abonadas en anos anteriores. Mentres que o campus de Ourense xa non ten que facer fronte ao pago do IBI tras un acordo co Concello, no de Pontevedra o caso aínda está en estudo.

Presenza na cidade

Nese traballo conxunto para gañar presenza na cidade, Abel Caballero aceptou a proposta do reitor de que o Concello ceda un aula no centro urbano para que os docentes da Universidade poidan dar cursos de idiomas "e xeralizar a ensinanza doutras linguas sen ter que subir ao campus" e "achegar a Universidade de Vigo ao cidadán". Nunha semana decidirase a ubicación desta sede, para a que o goberno local baralla dúas opcións". Aínda que dispor dunha sede institucional é "algo máis complexo, sobre todo nos tempos que corren, non debemos de deixar de levar a cabo novas iniciativas na cidade. Por iso o Concello cederá determinados espazos para que a Universidade sexa palpable polo cidadán", salientou o reitor vigués.