DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O director técnico da empresa Gairesa salienta que o futuro pasa pola transferencia da investigación

A I+D en embalaxes de alimentos, un exemplo da simbiose entre universidade e empresa

Perfecto Paseiro e Senén Paz amosan os froitos da colaboración entre entidades públicas e privadas

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 26/01/2011
“O futuro pasa por unha verdadeira simbiose entre a universidade e a empresa, unha simbiose da que moitos falan pero que poucos practican”. Así explica Senén Paz, director do departamento de I+D da empresa Gairesa, a súa visión da importancia da transferencia de coñementos entre o ámbito académico e o privado. Paz, xunto a Perfecto Paseiro, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, achegouse este mércores á Facultade de Ciencias para falar sobre como afectan os envases aos alimentos que conteñen. Unha oportunidade na que puideron deixar de manifesto o frutífera que pode ser a relacion universidade-empresa para as dúas partes.

O director de I+D de Gairesa explica que a súa empresa empezou a colaborar coa Universidade de Santiago trinta anos atrás, a principios da década dos oitenta, pola preocupación que tiña Gairesa por saber como podía afectar o revestimento dun depósito de auga á propia auga. Nesa colaboración, o laboratorio da empresa, ubicada en Valdoviño (A Coruña), encargábase da formulación dos materiais e o grupo de investigación de analizar os seus efectos. “Nós acadamos un revestimento de acordo coa normativa e o grupo de investigación converteuse, a raíz dos estudos realizados, nun grupo de referencia mundial neste ámbito” explica Senén Paz. Froito tamén da consolidación desta filosofía empresarial e dos bos resultados da aposta pola investigación, a súa empresa, fabricante de plásticos líquidos, dedica hoxe o 40% dos seu persoal e o 10% do seu orzamento a I+D.

Inevitable pero predicible

Perfecto Paseiro, profesor de Nutrición e Bromatoloxía, foi o encargado de amosar algúns dos resultados acadados durante eses anos de investigación. Así, explicou, “a transferencia de substancias químicas desde o material de contacto ao alimento é un proceso inevitable, que se dá en todos os casos por moi ínfima que sexa, incluso no vidro”. Sen embargo, salientou, esta migración é predecible e depende do tipo de material, da natureza do produto e dos elementos migrantes (sexa tinta, recubrimento, adhesivos ou plásticos) e da temperatura e do tempo de contacto, entre outros factores.

Por estas características, a industria pode prever e simular os comportamentos en cada caso e tomar as decisións axeitadas para que esa transferencia do embalaxe ao producto non afecte á saúde do consumidor. En todo caso, destacou Paseiro, a normativa garante que os niveis de transferencia sexan adecuados para o consumo humano e non hai que ver esta migración só desde o punto de vista negativo, poñendo como exemplo positivo o enriquecemento do viño grazas ao tempo que está na barrica.