DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pedro Membiela presentou as primeiras accións do Campus da Auga

A I+D universitaria véndese en Termatalia

Seis comunicacións amosarán o traballo que se realiza en temas como as algas

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 20/09/2013

Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Talasoterapia e Spa arrocou este venres en Expourense con moitas novidades na súa programación. Entre elas, está a participación do campus de Ourense, que presentou o seu proxecto do Campus da Auga. Ademais, un nutrido grupo de investigadores da Universidade de Vigo presentará este sábado comunicacións científicas que achegarán aos asistentes os últimos avances en cuestións como o uso termal de microalgas ou a elaboración de emulsións con auga procedente de mananciais.

Pedro Membiela, comisionado do Campus da Auga, foi o encargo de explicar este venres as características xerais do proxecto e presentar as primeiras accións que se están preparando desta iniciativa. “O Campus da Auga representa unha nova orientación, unha nova liña preferente á que se encamiñará non só a investigación no campus de Ourense, senón tamén a formación, a transferencia e a internacionalización. Somos o primeiro campus non central que aposta pola especialización”, comentou o docente na súa intervención. Por este motivo, convidou ás persoas e axentes asistentes a Termatalia a coñecer este proxecto da Universidade de Vigo.

A iniciativa, apuntou, está nos seus inicios pero xa empeza a dar os seus primeiros pasos. Entre eles, avanzou, estará a celebración en 2014 de dous eventos. O primeiro deles será a Semana da Auga, que terá lugar do 17 ao 22 de marzo e que pretende ser un punto de encontro para o intercambio de experiencias e de relación entre todas as persoas interesadas desde calquera ámbito en calquera tipo de innovación relacionada coa auga. A segunda das accións será un Congreso Interdisciplinar da Auga, que se desenvolverá virtual do 2 ao 6 de xuño e que pretende ser un espazo tamén de encontro aínda que nesta ocasión para os investigadores de calquera ámbito en cuestións relacionadas coa auga. Ademais, destacou Membiela, xa se está traballando na agrupación dos investigadores en clústers, un paso que considerou "clave" no desenvolvemento do Campus da Auga.

As achegas dos investigadores

Alén desta intervención de Pedro Membiela, a 13ª edición de Termatalia tamén acollerá este sábado a presentación de comunicacións científicas realizadas por investigadores da Universidade de Vigo. Sendo a primeira vez que a feira se abre á presentación deste tipo de materiais, seis das doce proposta aceptadas foron elaboradas por equipos da Universidade de Vigo, concretamente da Facultade de Ciencias do campus de Ourense.

Isabel R. Amado, Roberto González, Pablo Fuciños e M. Luisa Rúa presentaron a esta convocatoria de comunicacións científicas un estudo sobre a biodiversidade microbiana de fontes termais da provincia de Ourense mediante técnicas de bioloxía molecular. Pola súa banda, Enma Conde, Elena Balboa, Elena Falqué e Herminia Domínguez centráronse no efecto das augas termais sobre a actividade antioxidante de extractos naturais. Parte deste equipo xunto a outras investigadoras, concretamente Elena Balboa e Enma Conde con Astrid Constenla e Mª Luisa Soto, abordaron na súa comunicación a elaboración de emulsións con auga termal e extractos de alga mariña. Tamén no eido das algas, o equipo formado por José Luis Legido, María Lourdes Mourelle, Jesús Manuel Torres, M.C. Martín e C. Fernández escolleron para a súa participación en Termatalia o tema das aplicacións das microalgas en termalismo. Por último, Legido e Mourelle, xunto a C.P. Gómez tamén afondarán este sábado nas propiedades termofísicas dos peloides.