DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes clausurouse o Obradoiro de Emprendemento Empresarial Aplicado

Ideas de negocio que soñan con ser realidades

Un gabinete psicopedagóxico e unha asesoría xurídica son algunhas das propostas dos participantes

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 05/03/2013

Un gabinete psicopedagóxico ou unha asesoría xurídica en temas legais de actualidade, como a protección de datos e o medio ambiente. Estas son algunhas das propostas de negocio ideadas polo alumnado do Obradoiro de Emprendemento Empresarial Aplicado que este martes rematou no campus de Ourense. Foron 30 intensas horas de traballo nas que os participantes foron madurando as súas ideas de empresa ou buscando outras alternativas posibles. Optimistas a pesar da crise, ven no autoemprego unha boa oportunidade de construír un futuro profesional nun mercado laboral pechado.

O curso, ao que asistiron 15 persoas, foi clausurado por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Rosa Novoa, coordinadora do obradoiro xunto a Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus. “A pesar das difíciles circunstancias económicas nas que estamos non desistades de loitar por facer os vosos proxectos realidade. Para aqueles que rematado este curso queirades seguir adiante coas vosas ideas, tedes a oportunidade de presentarvos á convocatoria que temos aberta para ocupar os catro espazos da nosa preincubadora universitaria na Tecnópole”, destacou María Lameiras durante o peche da iniciativa. "Algúns dos asistentes ao obradoiro teñen unha idea clara de que queren emprender e que tipo de negocio pór en marcha. Outros queren montar un negocio pero aínda non saben exactamente de que. E por último están as persoas que de momento só queren recibir formación no eido do emprendemento", apuntou Rosa Novoa.

Están as ideas, búscase o financiamento

Ivonne Alves e Ana Belén Ricoy son dúas estudantes de último curso de Educación Social e Psicopedagoxía que decidiron participar neste obradoiro pensando xa no momento en que rematen a súa etapa universitaria este ano. “A idea na que traballamos é crear un gabinete psicopedagóxico dirixido a dar servizos sociais e educativos á comunidade, entre eles ao colectivo da terceira idade”, destacou Ana Belén Ricoy. “Non estamos no momento máis idóneo para emprender pero se non o facemos como vamos a tirar para adiante?”, apuntou Ivonne Alves, que salientou o interese do curso para aprender conceptos básicos para emprender. “Somos optimistas a pesar de todo e se non atopamos traballo non descartamos pór en marcha algo propio no futuro”, subliñaron as alumnas.

Tamén está na cabeza de Jonathan Domínguez, que rematou Dereito o pasado curso, a posibilidade de emprender. “Aínda non o teño claro pero gustaríame facer algo relacionado cos meus estudos, como unha asesoría xurídica especializada en temas como o medio ambiente, a protección de datos e a xestión de riscos laborais”, comentou. Aínda que con coñecementos no eido xurídico, este obradoiro serviulle a Jonathan Domínguez, entre outras cuestións, apunta, para afondar na xestión económica que conleva un proxecto empresarial. “O gran problema é o financiamento porque aínda que o goberno anunciou recentemente medidas para apoiar aos emprendedores, se non tes un fondo de diñeiro propio é moi complicado empezar, por non dicir imposible”, comentou.