DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inaugúrase na Sala Alterarte a mostra 'Condenados' de Germán Gómez

A identidade, unha fotografía feita cos pousos que deixan os outros

A exposición enmárcase dentro da celebración do Outono Fotográfico en Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 09/11/2012

A identidade dunha persoa está formada en boa parte pola influencia dos outros. As parellas, os familiares, os amigos, as experiencia que deixan cicatrices ou os momentos de felicidade, entre outras moitas cousas, compoñen o quebracabezas do que é cada persoa. Con esta idea de fondo, o fotógrafo Germán Gómez expón na Sala Alterarte do campus de Ourense tres das obras da súa serie Condenados. Nelas, o creador asturiano reflexiona, a través da fotografía e do corpo masculino nu, sobre a identidade e o home.

A mostra, que estará aberta ata o 11 de xaneiro de 2013, foi inaugurada este venres por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Xosé Manuel Buxán, director da Sala Alterarte e comisario desta exposición, desculpando a súa presenza o fotógrafo. “O traballo de Germán Gómez é case de artesanía, de traballar coa fotografía cortando, cosendo, superpoñendo pezas”, explicou Xosé Manuel Buxán. Deste xeito, a mostra conseguiu reunir tres pezas da serie nas que se pode apreciar o retrato de tres homes nus, compostos cada un deles por superposicións de anacos de corpos de outros homes, que se cosen e se mesturan para facer unha única silueta.

“A obra reflexiona sobre a identidade, sobre quen somos realmente, abordando creativamente a cuestión de que ata onde o propio corpo nos define e ata que punto ten relevancia o “outro” na definición dun mesmo”, subliñou María Lameiras durante a inauguración de Condenados. A exposición, salientou a vicerreitora do campus, permite “ir máis aló da evidencia, da primeira imaxe que se mostra, e profundar na verdadeira identidade da persoa”. Por este fondo que subxace ás obras de Germán Gómez expostas e pola súa calidade estética, a vicerreitora quixo salientar que a mostra é un excelente peche da programación deste ano da Sala Alterarte.

No marco de dous proxectos diferentes

“Un rostro e un corpo son a suma de moitos rostros e de moitos corpos, das herdanzas familiares en gran medida, máis tamén dos reflexos de amizadas e das parellas pasadas, presentes e quizais mesmo futuras. Así, as obras de Gómez son novas construcións corpóreas xurdidas tamén das cicatrices e das costuras da dor, das engurras de ledicia, das penetracións de dor e pracer duns homes marcados por innumerables continxencias, á vez únicas e múltiples”, apuntou Xosé Manuel Buxán. Facendo fincapé na calidade da mostra, o comisario quixo destacar “que as fotografías de Germán Gómez conta cun amplo eco no eido artístico, sendo esta a primeira exposición individual que realiza en Galicia e sendo moi difícil reunir obra súa, xa que boa parte dela está en coleccións privadas”.

Condenados forma parte da programación da cita fotográfica de referencia en Ourense, o Outono Fotográfico, ao que o campus de Ourense se une acollendo un total de seis exposicións. Segundo salientaron María Lameiras e Xosé Manuel Buxán, a exposición tamén constitúe a mostra de peche do proxecto artístico Estado Crítico. 10 comisarios 10 artistas, que durante case dous anos trouxo á Sala Alterarte exposicións comisariadas por destacados críticos de medios de comunicación e realidas por novos creados. Estado Crítico, explicaron os responsables da sala, terá continuidade en 2013 coa celebración dunha segunda edición na que os comisarios serán esta vez docentes da propia Universidade de Vigo.