DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reúne ata o 20 de febreiro as creacións de nove estudantes de Belas Artes

As identidades centran a nova exposición do espazo O Abrigo

Coordinada polo colectivo Refugallo, que realizou tamén un proxecto de comisariado de murais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 08/02/2024

As reflexións do alumnado de Belas Artes sobre a identidade, o corpo e as orixes, mais tamén sobre a memoria, a familia e o descoñecido conflúen na nova exposición que nestas semanas acolle a sala O Abrigo, a antiga cafetaría da facultade. Ata o martes 20 poderá visitarse neste espazo a mostra Identidades, que reúne os traballos de nove estudantes e que foi coordinada pola agrupación artística Refugallo, integrada tamén por alumnado da facultade, que nas últimas semanas impulsaba así mesmo un proxecto de comisariado e creación de murais en diferentes puntos de Galicia.

Nunha mostra na que “predominan o papel e o téxtil como soporte expresivo”, así como o traballo coa fotografía, a serigrafía ou a subilmación, reúnense as creacións de Alba Pino Gregores, Ana de Juana, Blanca Castro Ponce, Laura David Cividanes, Luisa Caperán, Marta Potter, Mónica Lago, Taro e Xoana Abraira, todos alumnos e alumnas de último curso do Grao en Belas Artes. “A mostra traza un percorrido dende o retrato ata o lugar, dende a propia identidade ata o rexistro desta na paisaxe”, sinalan desde Refugallo respecto dunha mostra na que as obras destes nove artistas e estudantes propoñen “un percorrido” arredor da “autopercepción, o corpo, o fogar e a memoria”, que parte da identidade propia para logo reflexionar tamén “sobre a familia e incluso sobre o descoñecido das identidades alleas”. Deste xeito “créase unha dinámica que transiciona dende o retrato e o autorretrato ata a arquitectura e o descoñecido”, engaden as coordinadoras desta mostra.

‘Pequena Ruta de Murais’

Despois de que os procedementos abertos para adxudicación do servizo de cafetaría da facultade quedasen desertos, desde o Decanato acometeuse o pasado curso un acondicionamento deste espazo para convertelo nunha sala na que organizar exposicións ou talleres. Boa parte das iniciativas levadas a cabo no Abrigo foron coordinadas por Refugallo, unha agrupación de alumnos e alumnas nacida en 2020 que nas últimas semanas sumaba ás súas diferentes iniciativas o proxecto Pequena Ruta de Murais. Nel, as súas integrantes exercen como comisarias no proceso de realización de murais en diferentes puntos de Galicia, no que acompañan ás e aos artistas seleccionados “dende o nacemento da idea ata a súa formalización e a súa posterior difusión”. 

“O obxectivo da agrupación é iniciar un percorrido de murais por toda Galicia”, engaden dunha iniciativa na que se insire ata o de agora a realización de proxectos, en Cangas do Morrazo e Pontevedra, da man dos artistas C.E.O., Laura David, Marta Potter e Paloma Musso. Trátase, non obstante, dunha iniciativa á que proxectan dar continuidade, de tal xeito que estas obras sexan “o inicio dunha ruta de murais por Galicia na que se pretende exercer un comisariado responsable que achegue á arte contemporánea á xente”. Cada unha das intervencións recollerase á súa vez nun fanzine dirixido a documentar tanto o proceso de realización das obras como o resultado final.