DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na I Edición dos Premios ao Fomento da Creatividade Aplicada

O IGAPE premiará iniciativas e proxectos innovadores que contribúan ao desenvolvemento das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI DUVI 01/08/2008

Elevar o nivel socioeconómico, cultural, formativo e tecnolóxico das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, é a finalidade coa que o Instituto Galego de Promoción Económica convoca a I Edición dos Premios ás Iniciativas para o Fomento da Creatividade Aplicada, que veñen a desenvolver o convenio de colaboración para o Fomento da Creatividade Aplicada. Este documento foi asinado polo presidente do IGAPE, José Ramón Fernández Antonio, os reitores das tres universidades galegas e o presidente da AIPF, no pasado mes de abril. A finalidade destes premios é favorecer a presentación de iniciativas que conduzan ao desenvolvemento de novos produtos ou servizos e á implantación de proxectos que impulsen a competitividade das empresas da comarca e o seu capital humano.
Aos proxectos presentados tanto por persoas físicas coma xurídicas, departamentos universitarios ou centros tecnolóxicos, o IGAPE destinará ata 120.000 euros en premios, que se repartirá en tres categorías segundo a fase que acaden os traballos. Así, a formulación de iniciativas de creatividade aplicada na que se valorarán as actividades relacionadas con enerxías alternativas, loxística, industria naval, turismo e medio ambiente e natureza, contará cunha dotación económica de 1000 euros. Estas propostas poderán presentarse ata o día 15 de setembro e, se consiguen unha valoración positiva, terán ademais a posibilidade de seguir concursando nas fases de pre-proxecto e proxecto e optar aos seus correspondentes premios de 2000 e 4000 euros, respectivamente.
A comisión de seguimento estará integrada por representantes de cada unha das partes asinantes do convenio e estará coordinada polo enxeñeiro naval Francisco de Bartolomé Guijosa que conta cunha ampla experiencia en I+D+i ademais de ter dirixido proxectos neste eido para Izar ou para a Fundación Innovamar.

Ámbito de actuación do convenio

O citado convenio de colaboración para o Fomento da Creatividade Aplicada, ampara todo tipo de actividades que incidan directamente no ámbito territorial do Plan de Desenvolvemento Integral das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, sen que iso exclúa que se poidan beneficiar a outros territorios e ao conxunto da sociedade en xeral. Estas actividades deben conducir a un novo produto ou servizo, á mellora dos existentes, á implantación de novos proxectos, ou ao aumento da capacidade competitiva das empresas, do capital humano e do territorio.