DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o profesor Daniel Arasa, que imparte un seminario no Máster de Investigación en Comunicación

A Igrexa cada vez preocúpase máis pola efecacia comunicativa dos seus sitios web

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 13/01/2010

Cada vez son máis as institucións que se decatan da importancia da comunicación no desenvolvemento da súa actividade e, por extensión, de ter unha presenza na rede acorde coas súas necesidades. Isto é así tamén no caso da Igrexa, segundo pon de manifesto Daniel Arasa, profesor de Comunicación Dixital na Facultade de Comunicación Institucional da Universidade Pontificia da Santa Cruz de Roma, que está esta semana en Pontevedra impartindo un seminario centrado na análise de sitios web dentro do Máster en Investigación en Comunicación.
Arasa intenta estes días transmitirlle ao alumnado como xestionar a páxina web dunha institución polo que, malia o carácter xeral da materia, a súa experiencia próxima condúceo a exemplificar os contidos co caso da Igrexa. “Pola miña dedicación o que máis estudei foi a relación entre a Igrexa e os medios, cales son as principais demandas informativas e os problemas que se formulan neste eido”, sinala. Neste sentido afirma que moitos aspectos son comúns a outras entidades, “máis no caso das non-profit que as comerciais”. Sinala que de xeito xeral os xornalistas se queixan de que “as páxinas da Igrexa non responden a tempo, teñen unha linguaxe teolóxica complexa e ofrecen información de pouco interese e non noticiable.”. Considera que algunhas destas críticas son razoables e que “aínda falta profesionalidade entre a xente de comunicación da Igrexa”. Con todo cre que ás veces tamén son inxustas, “porque é un ámbito moi dependente do voluntariado” e con diferentes niveis de desenvolvemento, “pois unha parroquia non ten os mesmos recursos que unha diócese”.

Como presentar os valores dunha institución de xeito atractivo

“Tamén se di que os sitios web son demasiado espirituais e devotos e pouco interesantes informativamente”, engade para deseguido precisar que “moitas veces iso é certo, pero hai que pensar tamén que están feitos para o público fiel”. Con todo, opina Arasa que un bo comunicador debe saber atender a públicos diversos e facer atractivos distintos temas. “As homilías do bispo son interesantes porque tocan valores que son discusión na opinión pública, pero son longas e aburridas, polo que hai que buscarlle o interese e dicirlle ao xornalista onde está o titular”, exemplifica.
Ao mesmo tempo sinala que isto se debe facer en sentido positivo: “non se trata de vender fume, senón de ver como presentar os valores da túa institución dun modo atractivo”. Neste sentido o profesor de comunicación considera que o problema das relación públicas e a comunicación institucional está ligado desde o pasado a cuestións ideolóxicas e comerciais que as desvirtuaron. “O que facía Goebbles non era máis que comunicación pública en sentido negativo, vender unha ideoloxía, pero a Igrexa pode vender cousas moi positivas, na liña do humanitario, dos valores comúns na sociedade ou da mellora educativa”.

“A Igrexa informa mal, pero mellorou moito”

A experiencia de Arasa en Roma, que concentra a un bo número de xornalistas en torno ao Vaticano, permitiulle rastrexar a opinión xeneralizada sobre as labores comunicativas da Igrexa. “Todos din que a Igrexa informa mal, pero que mellorou moito, pois hai uns anos chamabas e non respondía ninguén”, indica. Agora a figura do responsable de comunicación xa está integrada nas súas institucións, polo que o seguinte paso, segundo o profesor, é que esa persoa estea formada especificamente, o que é a finalidade da facultade na que traballa, que dende hai anos acolle un alumnado formado maioritariamente por sacerdotes enviados polos seus bispos, que logo regresan ás súas dioceses para xestionar a comunicación.

Análise de webs a través do Web Site Comunication Model

O seminario de Daniel Arasa no mestrado é unha síntese da materia de Comunicación Dixital que imparte en Roma. Como el mesmo explica, “trátase de valorar a presenza institucional na rede, que unha institución se formule a necesidade e a conveniencia de ter unha páxina”. Aínda que hai outros modos de estar en Internet, a web é un dos máis comúns, segundo o profesor Arasa, “pola súa versatilidade, xa que funciona como unha plataforma na que converxen moitas modalidades de comunicación como vídeo, audio, podcasts, e-mail ou newsletters”.
Arasa considera fundamental para un comunicador saber analizar unha iniciativa on line para logo poder xestionar as propias. Como modelo inicial para establecer uns criterios de análise propón o Web Site Comunication Model, creado xunto con outros autores e baseado nos seguintes piares: contidos e servizos, instrumentos e tecnoloxías, promotores ou xestores e visitantes. “Eu nas clases compároo cun bar, pois por moi ben equipado que estea, non existe se non ten unha boa xestión que atraia a clientela”, explica o profesor para recalcar que unha boa web ten que ter en conta todos eses parámetros, aos que engade un máis, o contexto.
Para Arasa, onde máis camiño queda aínda por andar desde o punto de vista dos xestores da comunicación é no ámbito dos visitantes, no coñecemento da audiencia. Mentres que cada vez as novas tecnoloxías permiten coñecer mellor ao usuario, o profesor cre que “hai moi poucas institucións que realicen análises de mercado, porque require moitos recursos e moita formación”.
Aínda que sexa o seu ámbito de investigación e ensino, algo que Daniel Arasa quere recalcar entre o seu alumnado como futuros comunicadores é que “internet non é a solución” e que por estar presente na rede non se deben descoidar outros ámbitos. “Internet potencia as túas capacidades, pero tamén fai máis visibles os teus defectos”, afirma. Neste sentido ve fundamental afrontar non só a necesidade de estar na rede, senón tamén a conveniencia de que facer nela.