DUVI

Diario da Universidade de Vigo

80 estudantes percorrerán este sábado 25 kilómetros de dificultade media-alta

A igrexa de Santa Mariña de Augas Santas, principal atractivo dun novo roteiro cultural

O coordinador da actividade recoméndalles aos participantes intensificar as medidas contra o frío e

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 13/01/2010

Un total de 80 estudantes da Universidade participarán este sábado nun novo roteiro cultural que ten como principal atractivo o santuario de Santa Mariña de Augas Santas, situado na parroquia do mesmo nome do concello de Allariz. Os participantes sairán ás nove da mañá do campus de Ourense para dirixirse a Allariz, lugar de partida da ruta. Será o comezo dunha andaina de 25 kilómetros e de dificultade media-alta que percorrerá O Rexo, Turzas, Santa Mariña, Soutelo e Allariz. O coordinador das Rutas Culturais José García Calvo, “Willy”, asegura que este percorrido vailles resultar aos participantes “moi bonito dende o punto de vista paisaxístico” e fai especial fincapé na posibilidade que ofrece o roteiro de camiñar nas marxes do río Arnoia pola súa beleza e tamén na igrexa de Santa Mariña de Augas Santas, principal atractivo da actividade. Segundo explica,“o que queremos con estas rutas é que os universitarios teñan a posibilidade de facer exercicio cun fin agradable coñecendo moi de preto a enorme riqueza monumental e paisaxística que temos na provincia. Ademais, visitar a igrexa de Santa Mariña de Augas Santas vailles permitir achegarse á nosa historia”, declara.

Intensificar as medidas contra o frío e a choiva

O coordinador das rutas culturais recoméndalles aos participantes intensificar as medidas contra o frío e a choiva levando incluso roupa seca de reposto para dispor dela ao terminar o percorrido. Sen esquecer o chuvasqueiro, o paraugas e a comida (bocadillos, froita, froitos secos e bebidas). Pero se hai algo sobre o que fai especial fincapé é o calzado. Nas súas palabras “o calzado constitúe o 90% da camiñata. Por iso é moi importante utilizar botas gore-tex que garanten a impermeabilidade do pe en andainas tan longas”. “Willy” pídelles aos participantes que esquezan os tenis e as zapatillas de deporte “porque aos cinco minutos estarán empapados” e tamén que non usen dobre calcetín “porque produce ampollas”.
O prazo para apuntarse neste roteiro remata o venres. As inscricións faranse no Servizo de Deportes dos campus de Pontevedra e Vigo e no SIOPE do campus de Ourense.
A próxima andaina do programa é a Ruta da Serra do Xurés, prevista para o día 30 de xaneiro.