DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores comezou no campus de Ourense o Ciclo Muller, Historia e Cinema

A igualdade “cóase” nas clases en formato audiovisual

No marco do programa de actividades de conmemoración do 8 de marzo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 06/03/2013
A igualdade como unha cuestión transversal que se "coa" no currículo académico. Con esta idea, o campus de Ourense organiza desde este mércores e ata o 10 de abril o Ciclo Muller, Historia e Cinema. No marco da programación organizada co gallo do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, alumnado de cada centro universitario cambiará por unha horas as súas clases habituais pola asistencia a un video-fórum no que visionarán e debaterán sobre unha produción audiovisual relacionada coa súa área de estudos pero na que o papel da muller terá moito que dicir.

Os primeiros en participar nesta experiencia foron estudantes de Ciencias Ambientais e de Ciencias e Tecnoloxías dos Alimentos da Facultade de Ciencias, que este mércores asistiron á proxección de Contagio, unha película Steven Soderbergh realizada en 2011 que conta a historia dun estraño virus e da súa expansión. “É moi imparte que en todos os ámbitos reflexionemos sobre a construción da muller e do seu papel na sociedade actual. Con esta actividade queremos que a igualdade tamén forme parte da formación dos alumnos deste campus, introducindo contidos de xénero de xeito transversal”, subliñou María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, aos participantes, aos que animou, como estudantes de Ciencias, a asistir o vindeiro 12 de marzo á conferencia que dará a Premio Nobel de Química Ada Yonath no campus de Ourense.

“Escollemos Contagio porque é unha película actual e pode así atraer a atención dos estudantes; porque afonda nun tema relacionado coas materias que impartimos, como é a microbioloxía, e porque as mulleres son as que investigan, as que teñen un papel destacado na historia”, destacou Julia Carballo, docente da Facultade de Ciencias que xunto á tamén profesora do centro María José Pérez foi a encargada de dirixir a sesión. Como exemplo do importante papel que a muller tivo no desenvolvemento histórico da microbioloxía, as docentes explicaron aos asistentes antes do visionado como foi unha muller, Fannie Hesse, a que en 1881 propuxo empregar agar para facer cultivos de microorganismos e superar así os problemas que ocasionaba ata entón o emprego da xelatina.

Máis proxeccións e máis actos

Tras esta proxección, o ciclo continuará ao longo das vindeiras semanas coas producións Caso Nagore, En tierra de hombres, La sonrisa de Mona Lisa, Ángeles de hierro e The deep blue sea, ademais de falar dos estereotipos de muller nos comics Cavewoman e Wonderwoman e da directora de cine Kathryn Ann Bigelow. Cada sesión contará coa intervención dunha docente do campus sobre a temática da película, concretamente de Inés Iglesias Canle, Isabel Diéguez, Ana Gueimonde, Beatriz Comendador, Eva Sanjuán, Yolanda Rodríguez, Purificación Mayobre, Pablo Raúl Bonorino Ramírez e Cristina Carro.

Con esta actividade iníciase unha intensa programación que pretende reivindicar a igualdade entre homes e mulleres ao entender que é aínda un dereito por conseguir. Tamén neste primeiro día de actividades co gallo do 8 de marzo, o Liceo de Ourense acolle unha mesa redonda titulada Mulleres pioneiras, profesionais e empresarias en Ourense, organizada pola Concellería de Igualdade en colaboración co campus de Ourense. Nela participarán Mari Luz Villar, xornalista; María Jesús Blanco Piñeiro, arquitecta, e as empresarias Ana María Méndez e Mari Carmen Canal.