Esta actividade formativa está destinada a traballadoras da Universidade
Igualdade organiza a segunda edición do curso 'Muller e saúde'
O prazo de inscrición finaliza o 11 de maio e as clases comezarán o vindeiro luns
Xunto cos factores biolóxicos diferentes e cos axentes sociais que inflúen de maneira inxusta na saúde das persoas, o benestar específico das mulleres é un tema que, moitas veces, queda esquecido. Ante esta realidade, a Unidade de Igualdade organiza, por segundo ano consecutivo, o curso Muller e saúde, dirixido especialmente ás mulleres. “Trataranse os mesmos contidos ca na anterior edición, pero máis en profundidade e, sobre todo, haberá espazo para resolver todas as dúbidas, xa que na última edición o tempo de intercambio de opinións coas docentes quedou un pouco escaso”, comenta Anabel González Penín, directora da Unidade de Igualdade.
Destinada a todas as traballadoras da Universidade, esta actividade formativa durará 15 horas e terá lugar durante a segunda quincena do mes de maio. Este ano “aumentamos un pouco o número de participantes para poder admitir a todas as mulleres interesadas, dado que a participación da edición anterior xa foi excelente”, afirma González Penín, ao que engade que “as docentes son as mesmas ca o ano pasado, cada unha é especialista na súa materia e ten moita experiencia impartindo cursos deste tipo”.
Organizado en tres apartados, este curso ten como obxectivo ofrecer ás mulleres pautas e claves de comportamento para axudalas a manter e mellorar a súa saúde. Dentro dos contidos “destacaría o intento por abordar o benestar específico da muller, introducíndonos no concepto saúde-enfermidade e investigación en saúde para deternos na nutrición e nos coidados de saúde-sexualidade nas distintas etapas da súa vida”, afirma Sabela Rodríguez González del Blanco, profesora e coordinadora do curso.