DUVI

Diario da Universidade de Vigo

María Jesús Rosado e Francisco García presentaron no campus o seu libro 'Feminismo del punto medio'

A igualdade entre as persoas pasa por desmontar “os atributos de xénero”

Os especialistas puxeron tamén o foco na situación do home “dentro do patriarcado”

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Igualdade
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 24/10/2018

“Os homes non son conscientes da súa situación dentro do patriarcado”, salienta a investigadora María Jesús Rosado, presidenta da Fundación IS+D para la Investigación Social Avanzada e coautora, xunto co catedrático da Universidad Complutense de Madrid Francisco García, de Hacia un Feminismo del Punto Medio, o libro que este mércores presentaron na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación no marco dun coloquio dirixido a formar ao alumnado na aplicación da perspectiva de xénero no seu traballo. Nun libro no que establecen unha “nova teoría para a igualdade de xénero”, experto e experta poñen o foco na busca dunha “igualdade entre” en lugar de nunha “igualdade con”, xa que, como sinala Rosado, ese camiño cara a igualdade pasa pola “transformación e deconstrución dos atributos de xénero”.

“Cremos que as mulleres e os homes temos as mesmas capacidades, podemos realizar as mesmas funcións e experimentamos os mesmos sentimentos e que se o facemos de maneira diferente é por temas de socialización”, sinalou Rosado nunha actividade promovida polas enlaces de Igualdade da Facultade de CCSS e da Comunicación, Beatriz Legerén, e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Soledad Torres, e financiada pola Unidade de Igualdade da Universidade. Actividade que, como explicou Legerén, naceu co propósito de completar a formación do alumnado destes dous centros que neste cuadrimestre traballa conxuntamente no desenvolvemento do primeiro nivel dun videoxogo no marco dunha iniciativa do grupo de innovación docente ComTecArt. 

“Este libro daravos moitas pautas para entender que é a perspectiva de xénero e o concepto de igualdade”, sinalou Legerén dunha actividade que con ese propósito, abriuse cunha presentación por parte do alumnado dos personaxes principais dos xogos nos que traballan, inspirados no libro Apocalipsis Z de Manel Loureiro, xa que, como lembrou, “normalmente os personaxes dos videoxogos identifícanse co xénero masculino”. Nese mesmo senso, o decano de CCSS e da Comunicación, Xosé Baamonde, incidiu na presentación desta actividade en que a procura da igualdade “é unha loita constante na que aínda queda moito camiño por percorrer”, motivo polo que puxo en valor este tipo de iniciativas xa que “a Universidade sobre todo axuda a construírnos como persoas e como cidadás con criterio propio”. 

Un camiño que implica a mulleres e homes

A loita pola igualdade pasa, segundo Rosado, por desmontar eses atributos “que din que un home ten que facer isto e unha muller ten que facer o outro”, ata chegar ao punto en que “todos poidamos facer de todo dentro da nosa diversidade”. Está é a idea da que parte a teoría que estes dous especialistas recollen no libro publicado pola Fundación IS+D, e cuxo título, sinala García, “pode parecer cómodo, pero non o é”. Non en van, o “enfoque complementario” que propón parte de que “ningunha muller se ten que parecer a un home máis do que ese home se ten que parecer a ela”, de tal xeito, que, na busca da igualdade, mulleres e homes teñen que “andar un camiño ata atoparnos no punto medio”, engadiu Rosado. Un camiño no que, como sinalou García, recoñecido co premio nacional de investigación en educación do Ministerio de Educación, o feminismo, “que é unha loita polos dereitos humanos”, supón xa un percorrido. Mais na outra banda, como engade Rosado, “non existe un masculinismo”, que aborde a situación do home dentro do sistema patriarcal, tendo en conta que existe “unha parte da masculinidade que é letal para a sociedade e para o propio home, que é o machismo”. Nese senso, esta experta en metodoloxías de xénero aplicadas ás ciencias sociais salientou que "se home é parte do problema, ten que ser parte da solución”.

Neste senso, a teoría que recollen no seu libro avoga pola “deconstrución de atributos de xénero”, como os de “forza, valor, racionalidade, competitividade e unha certa idea de superioridade sobre as mulleres” que se asocian ao home, e os de “natureza, debilidade, temor, impulsividade e unha certa sensación de inferioridade no caso das mulleres”. A partires de aí, avogan por unha transformación da sociedade na que a competitividade dea paso á cooperación, a desigualdade á equidade, a uniformidade á diversidade, o “crecemento ilimitado” á sustentabilidade e na que o adnrocentrismo sexa “substituído pola universalidade”.