DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os dorsais para realizar o circuíto urbano entregaranse a cambio de produtos non perecedoiros

A II Carreira de Orientación recollerá o domingo doazóns para o Banco de Alimentos e Cruz Vermella

As persoas que desexen facer achegas sen participar no xogo tamén o poden facer

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 04/06/2014

O domingo, día 8 de xuño, os membros da comunidade universitaria e os todos os cidadáns teñen unha nova oportunidade para axudar a aqueles que están a pasar un momento económico difícil nestes momentos. A II Carreira de Orientación Urbana-Solidaria organizada polo campus de Ourense recollerá produtos non perecedoiros para o Banco de Alimentos e Cruz Vermella. As persoas que se acheguen ata a carpa instalada na Praza Maior a doar produtos recibirán a cambio un dorsal para participar, se así o desexan, nun divertido circuíto de orientación que se desenvolverá esa mesma mañá pola zona vella da cidade.

Na súa primeira edición, un centenar de participantes e entidades colaboradoras conseguiron reunir máis de 2000 quilos de material. A organización agarda incrementar estes datos polo que apela á solidariedade dos ourensáns. “O importante desta iniciativa é axudar. Animamos a todas as persoas, membros da comunidade universitaria ou non, a que o domingo se acheguen ata a Praza Maior e contribúan co que poidan a recadar máis quilos de comida non perecedoira e produtos de hixiene para o Banco de Alimentos e Cruz Vermella”, destaca Rodrigo Alberte Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus de Ourense e organizador da cita.

Probas para todas as idades

A carreira constará de 3 circuítos de orientación con balizas, organizados pola Asociación Deportiva Limiactiva, que se desenvolverán no casco vello da cidade e que se poderán facer correndo ou andando, segundo as preferencias de cada un. Haberá un percorrido para as categorías absoluta (veteráns, sénior e xuvenil), infantil (nados 2000/01) e cadete (nados 1998/99); outro para as categorías benxamín (nados 2004/05) e alevín (nados 2002/03) e finalmente unha proba de orientación chamada Correlín especialmente deseñada para participantes de 3 a 10 anos acompañados dun adulto, que poderá facerse responsable de máis dun neno ou nena.

A cita, que conta tamén coa colaboración do Concello de Ourense e co patrocinio de Turini Sport, terá como punto de encontro a Praza Maior de Ourense, onde cada participante poderá de 09.00 a 10.15 h trocar o quilo ou quilos de alimentos que traia polo seu dorsal e recibir toda a información precisa para o desenvolvemento da actividade. Os alimentos recollidos serán entregados a Cruz Vermella e ao Banco de Alimentos e Ourense para o seu reparto e haberá un agasallo para todos os participantes.