DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O galardón está dotado con 3000 euros

O 'II Concurso de Intervencións Artísticas' revalorizará os espazos do Edificio Xuridico-Empresarial

O premio busca unha proposta artística para acondicionar a entrada deste centro

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 10/01/2011

Os espazos comúns en edificios coma as facultades teñen unha importancia especial debido ao uso continuado que se fai deles. Co obxectivo de valorizar a entrada do Edificio Xuridico-Empresarial e de amosar á cidadanía novas linguaxes de creación, vén de convocarse o II Concurso de Intervencións Artísticas Campus de Ourense. O premio, dotado con 3000 euros para a proposta gañadora, está aberto á participación de calquera expresión artística, desde o mural e o graffiti ata a escultura.

A segunda edición Concurso de Intervencións Artísticas está organizada pola Vicerreitoría do Campus de Ourense coa colaboración das Facultades de Dereito e Ciencias Empresariais e Turismo. A decana deste último centro, Elisa Alén, explica que “a idea xurdiu polo interese en dar continuidade ao concurso e porque, ao ver o resultado da intervención galardoada na primeira edición, pensamos que sería moi interesante facer algo na mesma liña no Edificio Xuridico-Empresarial”.

As intervencións artísticas que presenten os participantes deberán estar deseñadas para as dúas paredes laterais da entrada do Edificio Xuridico-Empresarial, cunhas dimensións cada unha delas de arredor de 6 metros por 3 metros. As propostas poderán ser presentadas por artistas individuais, maiores de idade, ou colectivos. “Terán total liberdade para buscar a forma expresiva que máis se axeite ao seu estilo e ao do espazo proposto, podendo presentar pintura, escultura, mural, etc”, salienta Alén.

Interacción co edificio

O xurado do galardón, composto por representantes do campus de Ourense e de expertos do eido artístico, valorará especialmente aspectos como a conexión da obra co ámbito no que se plasmará o traballo, a interacción co edificio e o emprego de materiais que contribúan á sostibilidade ambiental. O prazo para a presentación de propostas remata o 18 de marzo.

Na anterior e última edición do Concurso de Intervencións Artísticas Campus de Ourense a obra gañadora foi a intervención Formas Naturais, do artista Lasha Makharadze, que acondicionou a biblioteca do campus de Ourense cunha obra inspirada en insectos pousados nunha das paredes deste edificio. Ademais, nesa ocasión recibiron dúas mencións especiais, sen dotación económica, Alejandro Gómez Martín, por Líquenes, e Peter Fink, por Punto.