DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberto á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral

O II Festival de Natación Campus Auga celebrarase o 16 de decembro

A cita ten un carácter solidario, recadándose produtos para o Banco de Alimentos de Ourense

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 04/12/2023

O vindeiro sábado 16 de decembro, ás 16.00 h, celebrarase na piscina universitaria do campus de Ourense, Be One As Lagoas, o II Festival de Natación Campus Auga. Aínda que especialmente enfocado á comunidade universitaria, a cita está aberta á participación de todas as persoas interesadas. Ao igual que na súa anterior edición, terá un carácter solidario xa que o requisito para participar é levar o día do certame alimentos non perecedoiros que serán entregados posteriormente ao Banco de Alimentos de Ourense.

A competición, organizada polo Club Natación Escualos Campus Auga co apoio da Universidade de Vigo, consta de cinco probas: 50 metros libres, 50 m braza, 50 m costas, 50 m bolboreta e 100 m estilos. Haberá tres categorías, como son sénior, máster e universitario. A clasificación final determinarase sumando os tempos das cinco probas, concedéndose medallas para os tres primeiros clasificados de cada categoría masculina e feminina. Ademais outorgarase o Trofeo Campus Auga ao mellor nadador e nadadora da comunidade universitaria, dotado cun mes de abono gratis en Be One As Lagoas, e o Trofeo Nadador Completo ao nadador e nadadora que realice as cinco probas no menor tempo posible, sendo neste caso o premio un vale de 50 euros para gastar en Bouso Intersport. Haberá obsequios para todas as persoas participantes. As persoas interesadas poden inscribirse previamente, no enderezo electrónico da entidade (cnescualos@gmail.com) ou a través do código QR do cartel da actividade, ou antes de comezar a competición. As doazóns para o Banco de Alimentos depositaranse na recepción da pisicina antres da entrada ao festival.

Diversión, deporte e solidariedade

Na presentación este luns desta actividade no Edificio de Ferro, Mónica Villanueva, directora de área do campus de Ourense, animou á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral a participar “nunha actividade solidaria coma esta, tan necesaria nos temos nos que estamos”, en referencia ao Nadal. Do mesmo xeito, Susana Reboreda, vicepresidenta do Club Natación Escualos Campus Auga e tamén vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo, destacou a importancia de fomentar o deporte e tamén a solidariedade tanto na Universidade como na sociedade en xeral con actividades coma este festival. Por último, Fernando Troncoso, presidente do Club Natación Escualos Campus Auga, agradeceu ás entidades colaboradoras que fagan posible esta cita e amosou o seu desexo de que nesta segunda convocatoria a acollida da iniciativa se incremente. O responsable do club animou á xente a achegarse a vivir “unha tarde para divertirse e para nadar” cun motivo solidario.