DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita solidaria celebrouse esta fin de semana na piscina universitaria

O II Festival de Natación Campus Auga contou coa participación de 40 deportistas

Recadáronse produtos para o Banco de Alimentos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 18/12/2023

A piscina universitaria, BeOne As Lagoas, acolleu este sábado pola tarde a celebración do II Festival de Natación Campus Auga. Foron 40 as e os nadadores, membros da comunidade universitaria e de fóra dela, que participaron na cita organizada polo Club Natación Escualos Campus Auga co apoio da Universidade de Vigo e que tivo un carácter solidario, xa que para participar había que doar produtos ao Banco de Alimentos. “Estamos moi satisfeitos xa que cumprimos cos obxectivos do festival, que era fomentar e apoiar o deporte na nosa comunidade, e máis concretamente no Campus Auga. Xa estamos pensando na seguinte edición e estamos seguros de que será moito mellor”, indican desde a organización.

A competición constou de cinco probas: 50 metros libres, 50 m braza, 50 m costas, 50 m bolboreta e 100 m estilos e nesta segunda edición medrou en participación, contando con deportistas de diferentes clubs galegos, como CN Pontareas, CN Rías Baixas, CN Pabellón Ourense, CN O Barco e CN Monforte. O Trofeo Campus Auga para Universitarios foi para Claudia Álvarez (do CN Escualos) e Martín López (CN Pabellón Ourense). O Trofeo Nadador Completo para a categoría absoluta foi para Marta Mira (CN Escualos) e Santiago Mariño (CN Pabellón Ourense). Ademais entregáronse premios, tanto en categoría feminina como masculina, aos tres primeiros clasificados en cada proba e para a e o nadador que realizaran as cinco probas en menos tempo. Desde a organización agradecen o apoio dos patrocinadores a esta iniciativa solidaria colaborando, ademais da UVigo e Be One As Lagoas, Domusvi, Aceites Abril, Bouso Intersport, Dermalaser e Outegal.