DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra poderá visitarse ata o 15 de maio na primeira planta do Edificio de Ferro

As "II Jornadas de arqueología" finalizan cunha exposición fotográfica

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 30/04/2009

As II Jornadas de arqueología, organizadas pola delegación de alumnos da Facultade de Historia, chegaron ao seu fin tras dous días de relatorios e talleres sobre a verdadeira realidade desta profesión que non sempre é a que a cidadanía coñece. A derradeira sesión do curso tivo lugar este xoves e comezou cun relatorio sobre a arqueoloxía do discurso, seguido dun taller práctico sobre antropoloxía física. Foi quizais neste obradoiro, impartido por Olalla López da USC, onde máis interesados estiveron os participantes. Polas súas mans pasaron cranios, mandíbulas e outros osos a través dos que intentaron descubrir o sexo, a idade e máis cuestións sobre os seus donos.
Ao remate deste taller práctico tivo lugar a inauguración da exposición fotográfica La arqueología no es lo que te han contado que se atopa na primeira planta do Edificio de Ferro e se poderá visitar ata o 15 de maio. Nesta mostra os visitantes poderán observar imaxes que ensinan a verdadeira realidade dunha profesión pouco coñecida e estereotipada. “A exposición pon de manifesto a actividade da arqueoloxía como unha profesión case invisible, pero moi complexa e con moitas facetas que normalmente non son ben entendidas pola maior parte da cidadanía”, comentou Beatriz Comendador, profesora da facultade e encargada de inaugurar a mostra. O contido da exposición elaborouse a través das fotografías que foron enviando, por petición dos organizadores, “arqueólogos e profesionais da materia sobre o seu quefacer cotián”.
Facendo balance tras esta segunda edición, a organización está moi satisfeita coa acollida das xornadas “consideramos que foron un éxito, xa que nunha facultade con tan poucos estudantes como a nosa ter un aforo de 40 persoas é un síntoma de que as cousas funcionaron”, comentou Aranzazu Fernández, delegada de alumnos e membro da organización. A única pena que lles quedou “é que moitas das conferencias se tivesen que acurtar pola escaseza de tempo”. Fernández destacou a importancia de que se realicen estas xornadas, agardando “que se fagan moitas máis edicións”.

Unha imaxe vale máis que mil palabras

Organizada por temas e situacións, a exposición “intenta demostrar que a idea que ten a xente do que é a arqueoloxía non é verdade”, indicou Fernández. Moitas persoas chegan a facultade “animadas por un estereotipo de arqueólogo ou historiador como pode ser Indiana Jones ou Lara Croft ,que non ten nada que ver coa función e co traballo que se leva a cabo na realidade”.
A mostra está deseñada como un mural sobre papel e malla verde de sombreo sobre o que se presentan as fotografías “máis relevantes e con máis significado”. A posta en escena desta exposición non é casual “ocorréusenos empregar a malla de sombreo, que o que normalmente tapa as escavacións, e colocar as fotografías diante dun xeito metafórico para dar visibilidade ao que normalmente está detrás”, explica Comendador.
Aínda que nalgúns momentos durante a organización chegaron a dubidar que conseguisen recompilar máis de dez fotografías, os seus temores non se cumpriron, “recibimos sobre 150 imaxes, pero non todas forman parte da mostra por problemas de espazo”, comentou Marta Loren, delegada de alumnos e membro da organización. De todos xeitos, no blog creado para as xornadas e que continuará activo, colgarán unha exposición virtual con todas as fotografías recibidas para que a xente as poida ver na súa propia casa.