DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 17 de marzo no salón de actos do Edificio Politécnico

As II Jornadas de história da Galiza propoñen unha viaxe polo noso pasado

O relatorio inaugural correu a cargo de André Pena, que falou dos celtas atlánticos

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 10/03/2009

Un percorrido polo noso pasado dende a proto-historia ata actualidade é a viaxe que ofrecen as II Jornadas de história da Galiza que se desenvolverán no Edificio Politécnico ata o 17 de marzo. O seu obxectivo é lograr que os participantes adquiran unha idea máis profunda da nosa historia. “Na primeira edición démonos conta de que esta é unha disciplina desatendida e as persoas que non coñecen o seu pasado descoñecen a súa propia identidade”, explicou o secretario das xornadas, Arturo Alonso. A historia permítenos “saber o por que do presente e afrontar o futuro partindo das experiencias coñecidas”.
A Asociación A Esmorga coa organización destas xornadas propón ampliar o coñecemento histórico dos participantes pero cun “achegamento espiritual”. Alonso rematou a súa intervención aconsellando aos asistentes, “abride o corazón e os sentidos e tentade escoitar estas conferencias dende a alma”.
As sesións teóricas das xornadas completaranse con actividades lúdicas que se realizarán no local social de A Esmorga. Lecer e diversión con música, poesía, conta contos e incluso un concurso de historia no que se poderán apuntar os participantes por equipos.

Os celtas atlánticos

Hai 20.000 anos a poboación europea fuxindo do xeo, chegou ao norte da península Ibérica. Cando a situación mellorou e o clima se volveu máis cálido retornaron ao continente: “esta é a gran migración dos celtas”, explicou André Pena, doutor en Arqueoloxía e Historia antiga pola Universidade de Santiago de Compostela, dando comezo a súa intervención A Galiza: o berço dos celtas atlánticos.
A nosa comunidade está chea de vestixios e evidencias do celtismo, sen embargo durante moitos anos, negouse esta realidade, “pasábamos dos celtas sen ser conscientes da nosa memoria”; pero restos arqueolóxicos como as construcións castrexas e incluso a propia lingua en numerosos topónimos fannos recordar que somos descendentes dos celtas.

Máis relatorios

Ata o 17 de marzo todos os días, agás o domingo, terá lugar no salón de actos do Edificio Politécnico ás 18.30 horas unha nova clase de historia con “especialistas de recoñecido prestixio, tanto a nivel nacional como europeo”, indicou Alonso. Das recolonizacións do oeste europeo desde o norte da península Ibérica falará Paula Sánchez o martes 10. Da romanización e da Galicia medieval darán conta Marcial Tenreiro e Anselmo L. Carreira o mércores e o xoves. O venres Francisco Carballo referirase á Galicia moderna centrándose na fidalguía e na proto-industria. Da Francesada (1809-1814) falará Ernesto V. Sousa o sábado 14, día no que a xornada cambia o seu horario habitual, ás 18.30 horas, por un máis madrugador ás 10.00 horas. Tras o descanso da fin de semana chega o fin do curso con dous novos relatorios, o luns 16 será J.M. Barbosa o que ofreza un repaso á evolución da lingua e o martes 17 rematarán as xornadas coa conferencia de Camilo Nogueira que dará un paso máis na historia falando do futuro de Galicia.