DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o martes na Praza Maior

A II Mostra do Patrimonio Inmaterial converte Ourense no escenario da defensa do acervo cultural galego-portugués

A inauguración oficial contou coa visita de Jordi Pujol

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 08/11/2008

Tambores, gaitas, pantallas e disfraces percorreron as rúas da cidade de Ourense este sábado coa celebración da II Mostra do Patrimonio Cultural Inmaterial. Ao seu reclamo acudiron multitude de cidadáns que atoparon unha Praza Maior que os trasladaba ao pasado. Nenos e maiores gozaron con esta lembranza de antigas costumes e tradicións da nosa terra. Os avós intentaban amosarlle aos netos como cun aro, cunha peonza ou co xogo da chave pasaban as súas tardes de infancia, sen necesidade de televisión ou videoxogos. A carpa que se instalou diante do Concello acolleu obradoiros de forxa, olaría, tornaría, lutharía e moitos máis que amosaron a todos os curiosos que se achegaron como se realizaban estas profesións de antano e incluso algúns se atreveron a probar se terían futuro nestes traballos agora xa case esquecidos.
Aínda que as actividades da mostra xa comezaron ás 10.30 horas, non foi ata a tarde cando tivo lugar a inauguración oficial. Representantes do mundo da política, a cultura e a Universidade achegáronse ata a carpa da Praza Maior para celebrar o inicio desta segunda mostra da diversidade patrimonial da nosa cultura.

Inauguración oficial

Alexandre Sánchez, tenente alcalde de Ourense; Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais; Pablo Carpinteiro, presidente da Asociación Galega de Gaiteiros; Antón Jardón, delegado provincial da Consellería de Innovación e Industria; Isabel Pérez, concelleira de Cultura; Xosé Carballido, director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias da Consellería de Medio Rural e Xosé Carlos Sierra, secretario xeral da Consellería de Cultura e Deporte coincidiron en destacar a importancia que teñen este tipo de iniciativas para recuperar o patrimonio cultural e evitar que as tradicións que nos outorgan a nosa identidade se perdan no camiño.
“O patrimonio inmaterial é un sumatorio da historia e a cultura e, polo tanto, da identidade de todo un pobo”, destacou Sierra. No patrimonio inmaterial resúmese todo o que unha sociedade significa, “o seu xeito de ser, de existir, de vivir e de sentir”, engadiu Sierra. Por iso, para o secretario xeral esta exposición “mergúllanos no pasado para tecer o presente e planificar o noso porvir”. Pola súa banda Alexandre Sánchez quixo felicitar aos responsables do Proxecto Ronsel, que coordina a mostra “por entender que era necesario producir este evento de coñecemento, de difusión e de recuperación da nosa cultura”.
Iván Area, que foi o encargado de pechar a inauguración oficial, destacou que a mostra “é froito non só do Proxecto Ronsel senón do traballo de distintas asociacións culturais de Galicia, como por exemplo a Asociación Galega de Gaiteiros”. Area falou de Ronsel como “un proxecto ilusionante e transformador, algo alén das manifestacións culturais, é a forma de chegar a ter unha sociedade máis sustentable”. “Neste período de crise, reflexionar sobre o que somos e a onde queremos chegar pode ser a clave para avanzar e transformar a nosa sociedade”, finalizou o vicerreitor dando por inaugurada a mostra.
Momentos máis tarde, a exposición recibiu a visita do ex presidente da Generalitat de Catalunya, Jordi Pujol, ao que acompañou a súa esposa Marta Ferrusola. Pujol amosou un especial interese na exposición e tanto el como a súa muller escoitaron atentamente as explicacións dos traballadores dos obradoiros e de Alexandre Sánchez e Iván Area que exerceron as veces de guía durante a visita.

Máis obradoiros e tradicións ata o martes

A festa e a cultura seguirán enchendo a Praza Maior ata o martes 11. Obradoiros, actuacións e conferencias terán lugar estes próximos tres días nos que as estacións do verán, o outono e o inverno pasarán pola carpa da exposición. Non hai que esquecer que o luns ás 20.30 horas voltará ao escenario o Festival de Música Tradicional da Asociación de Gaiteiros de Galicia que xa deu comezo o sábado; os gaiteiros Henrique Carregal e Juanjo Fernández, xunto con Tres Estralos, Pai da Cana e Tanto nos ten amenizarán a noite. A despedida da mostra será o martes ás 17.00, día no que a celebración do magosto, organizado polo Concello de Ourense, e unha queimada popular nos Xardíns Bispo Cesáreo porán o punto final á II Mostra do Patrimonio Cultural Inmaterial.