DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As e os participantes debaterán sobre como Europa aborda a cuestión migratoria

O II Torneo de Debate Retórica UVigo reunirá a vindeira semana en Vigo 90 estudantes de 12 universidades

En total competirán 16 equipos e o gañador obterá unha praza directa na liga LEDU

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 14/11/2023

Tras unha primeira e exitosa edición en novembro de 2022, a asociación de estudantes Retórica UVigo volve organizar este ano o seu Torneo Nacional de Debate, que se celebrará en Vigo os vindeiros 24 e 25 deste mes. Na cita participarán 90 alumnos e alumnas de 12 universidades de toda España repartidos en 16 equipos que deberán buscar a vitoria confrontando argumentos sobre as estratexias de Europa para abordar a cuestión migratoria. Esta segunda edición confirma a consolidación desta proba dentro do circuíto nacional de debates universitarios, dobrando as cifras da pasada edición, na que se inscribiron 40 estudantes de sete universidades.

O presidente da asociación e recentemente proclamado campión do mundo de oratoria en español, Tomás Aparicio, explica que a escolla desta temática “de notable relevancia nos últimos anos” responde ao feito de que Europa está “no epicentro deste debate global e a maneira na que Europa aborda os desafíos e as oportunidades que plantexa a migración reviste unha importancia transcendental, non só para os países europeos, senón tamén para a comunidade internacional no seu conxunto”. Con todo, como destacan dende a organización, “dada a limitación do noso enfoque xeográfico e a relevancia crucial de Europa nesta temática, a nosa atención centrarase nas migracións tanto dentro da Unión Europea como nos fluxos migratorios que transcorren dende nacións externas cara a UE”. Así, as e os participantes deberán abordar temas clave como as políticas de inmigración e asilo en Europa, o impacto económico, social e cultural da migración, a protección dos dereitos humanos e dos refuxiados, a seguridade e control de fronteiras en Europa, a promoción da integración multicultural e a convivencia nas sociedades europeas.

Os equipos, que estarán formados por entre 3 e 5 estudantes, mediranse entre eles para defender posturas opostas en tres roldas na fase clasificatoria, cuxos enfrontamentos serán elixidos por sorteo. O formato desta primeira parte da competición será en grupos e dará acceso á fase final, que comprenderá cuartos, semifinais e final. A cita será no edificio Redeiras tanto o venres pola tarde como o sábado, salvo a final, que será ás 19.00 horas na sala Rosalía da sede da Deputación de Pontevedra, en Vigo, como confirmou este martes o deputado de Xuventude, Jorge Cubela, tras manter unha xuntanza cos responsables da asociación.

1000 euros para o equipo gañador e unha praza na liga LEDU

O equipo ganador, que se coñecerá o sábado pola tarde, obterá unha praza directa na Liga Española de Debate Universitario, LEDU, que congrega os 16 mellores equipos universitarios de debate de España, e tamén recibirá un premio en metálico de 1000 euros. Ademais, tamén se outorgará un premio ao mellor orador de toda a competición, galardón que na primeira edición recaeu en Iván Fernández, un dos membros do equipo da Universidade de Vigo. Finalmente, o xurado tamén seleccionará un Dream Team entre todos e todas as participantes, que recibirán un diploma acreditativo.