DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As II Xornadas Educativas apuntan ás TIC como novo paradigma no ensino

A iniciativa, organizada por CCOO, estenderase ata mañá sábado

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 27/03/2009

Crear un foro de debate sobre a influencia e o emprego das novas tecnoloxías no mundo educativo é o obxectivo das II Xornadas Educativas. Novos retos para novo século que se inauguraron este venres no salón de actos do Edificio Politécnico. Organizadas por Comisións Obreiras e coa colaboración da Universidade de Vigo, a Deputación Provincial e Caixa Galicia, as xornadas terán como temática nesta segunda edición As tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) no ensino, tratando de achegar diferentes enfoques e alternativas ao profesorado e aos futuros docentes sobre o emprego destas ferramentas nas súas clases.
Este espazo de reflexión “elixiu un tema fundamental, xa que as TIC van a repercutir na mellora da calidade da educación”, afirmou Ana Garrido, concelleira de Educación, no acto inaugural. Así mesmo indicou que "nos atopamos ante un paradigma educativo máis centrado nos alumnos” e que a innovación metodolóxica das TIC “permitirá acadar un sistema de aprendizaxe vivencial”. Por outra banda, María Jesús Fernández, secretaria xeral da Federación de Ensino de CCOO de Galicia, incidiu na necesidade de seguir avanzando na implantación das novas tecnoloxías na educación e a importancia da formación do profesorado nesta materia. Neste proceso participarán activamente dende o sindicato “detectando as necesidades e ofertando medios, o noso papel é a presión e a negociación para lograr unha formación do profesorado suficiente e de calidade”.
Tamén estiveron presentes no acto inaugural Moisés Blanco, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense e Gonzalo Iglesias, delegado provincial de Educación. Ambos coincidiron en sinalar a importancia das TIC na educación, xa que “están supoñendo un cambio cualitativo respecto as formas de ensino tradicional e ademais son un instrumento esencial para o profesorado”, dixo Blanco quen tamén reiterou o apoio da Deputación para calquera iniciativa neste eido porque “investir en educación é investir en avance e futuro”. Para Iglesias a elección do tema da segunda edición das xornadas é máis que acertado tendo en conta “os retos que plantexa unha sociedade tan cambiante”.

As TIC: un novo paradigma educativo

Tras o acto inaugural deu comezo a primeira conferencia da tarde da man de Álvaro García, xefe do departamento de ordenación académica do Instituto Cervantes, que ofreceu unha visión das TIC no novo paradigma educativo de aprendizaxe por competencias. Ao remate da súa intervención, os creadores do proxecto El País de los estudiantes falaron do emprego dos xornais como ferramenta educativa na escola.
A xornada do sábado afondará, a partir das 10.00 horas, nas experiencias de centros educativos no uso e manexo das TICs na aula. Para este fin contarase coas intervencións de varios docentes de colexios e institutos que falarán sobre os taboleiros dixitais, o software libre e as ferramentas de autor.
Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas, o tema centrarase novamente nas TIC pero dende outro punto de vista, tentado xerar un foro de reflexión sobre as vantaxes e inconvenientes do seu emprego na educación. Os relatores elixidos para desenvolver esta temática son Jesús Ramírez, director da revista Psicología Educativa e Abraham Domínguez, asesor técnico do departamento de Innovación educativa da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.