DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os días 27 e 28 de marzo no Edificio Politécnico

As II Xornadas Educativas fomentarán o emprego das TIC no ensino

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 12/03/2009

As novas tecnoloxías instaláronse na nosa vida de xeito habitual, invadindo todos os ámbitos incluído o educativo. O emprego de ordenadores, internet ou, máis recentemente, as pizarras dixitais é algo cotián na aulas, aínda que seguen existindo novos retos para poñerse á altura doutras comunidades tanto a nivel de infraestruturas como de coñecemento. Tratando de crear un foro de debate sobre estes temas volven ao campus as II Xornadas educativas. Novos retos para novo século que teñen como temática, nesta segunda edición, As Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) no ensino.
Organizadas por Comisións Obreiras e coa colaboración de Caixa Galicia, a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo, o obxectivo destas conferencias é “proporcionar diferentes enfoques e alternativas ao profesorado sobre a aplicación das TIC nas aulas”, explicou Pablo Rodríguez Nóvoa, un dos coordinadores do curso. Durante os dous días que duran as xornadas, afondarase no coñecemento das ferramentas de software libre e de autor, a pizarra dixital e tamén haberá tempo para “o debate psicolóxico e filosófico” sobre o uso das TIC.
As xornadas son de carácter gratuíto e a inscrición pode realizarse a través da web ou en calquera local de Comisións Obreiras. Aqueles que asistan recibirán un diploma de 12 horas homologado pola Consellería de Educación.

As TIC a revisión

As xornadas darán comezo o venres día 27 ás 17.00 co acto de inauguración, tras o cal iniciaranse os relatorios. O primeiro conferenciante será Álvaro García, Xefe do departamento de ordenación académica do Instituto Cervantes, que falará das TIC no novo paradigma educativo de aprendizaxe por competencias. Ás 18.30 horas chegarán os creadores do proxecto El País de los estudiantes, para ofrecer un relatorio sobre o emprego do xornal na escola.
O sábado 27 as xornadas comezarán ás 10.00 horas e terán como tema o encerado dixital, o software libre e as ferramentas de autor. Xa pola tarde falarase das TIC no ensino dende outra perspectiva xerando un debate sobre se o seu uso supón algún risco.

O emprego das TIC en Galicia

O uso das TIC nas aulas é moi importante, unha habilidade máis que deben adquirir os estudantes. Os profesores agora non só transmiten coñecemento senón que ademais “teñen que ensinar como acceder a el para que podan facelo os alumnos polo seu medio en calquera momento”, indicou Rodríguez.
No tocante ao nivel de implantación das TIC en Galicia hai que dicir que “os centros que xa levan tempo traballando con estas tecnoloxías están á altura do resto de España”; aínda que se facemos unha media da súa aplicación atopámonos por debaixo do nivel nacional, “aínda queda moito traballo que facer”.
De todos xeitos a implantación das TIC nas aulas ten un paso gañado co apoio do profesorado que en xeral non opón resistencia para aprender a empregar as novas tecnoloxías, “o carácter vocacional desta profesión fai que sempre esteamos dispostos a coñecer cousas novas”, concluíu Rodríguez.