DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O xoves 16 remata o prazo para inscribirse

As II Xornadas de Medio Ambiente e Dereito Ambiental consolidan o campus como o máis comprometido de Galicia co entorno

Terán lugar do 20 ao 24 de outubro na Facultade de Ciencias

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 13/10/2008

Co fin de concienciar á comunidade universitaria da importancia do respecto medioambiental e, á vez, de potenciar o campus de Ourense como o máis comprometido co entorno, celebraranse do 20 ao 24 de outubro as II Xornadas de Medio Ambiente e Dereito Ambiental de Galicia. Tralo éxito obtido na súa primeira edición, na que tomaron parte 500 persoas, a asociación SYME retoma a súa aposta pola calidade dos relatores combinada con outras actividades como o seminario de fotografía medioambiental, novidade deste ano, ou o concurso fotográfico. O prazo para inscribirse nas xornadas, que terán lugar na Facultade de Ciencias, remata este xoves 16.
“Temos a sorte de ter un campus líder en medio ambiente grazas ao plan SUMA e aos múltiples proxectos neste eido promovidos pola nosa Vicerreitoría”, explicou José Antonio Pérez, presidente de SYME. Foi por esta razón pola que a asociación decidiu en 2007 crear un foro para formar aos alumnos en medio ambiente e dereito medioambiental, “xa que os plans de estudo teñen a carencia de non ofrecer este tipo de materias, totalmente transversais para calquera titulación” engadiu. A acollida superou todas as previsións, polo que este curso non dubidaron en repetir a proposta, “aínda que desta banda xa non é gratis, puxemos unha cota simbólica porque ter tal cantidade de participantes non é operativo” comentou. De todos os xeitos, a matrícula avanza a bo ritmo e a falta de case unha semana para que remate o prazo xa contan con máis de 200 inscritos, “polo que calculamos chegar aos 300 ou 350, aproximadamente” dixo Pérez. Os interesados deberán entregar o boletín de inscrición correctamente cumprimentado xunto cunha fotocopia do DNI e o xustificante de pago na secretaría do decanato da Facultade de Ciencias ou na de Dereito. O prezo para o público en xeral será de 10 euros, reducíndose á metade no caso dos alumnos da Universidade de Vigo, que ademais obterán dous créditos de libre configuración e un vale desconto para as termas de Outariz.

Un completo programa

Aínda que a estrutura das xornadas parécese moito a do ano anterior, nesta ocasión os organizadores introduciron algúns cambios no programa. “Ampliamos a parte de saúde ambiental e introducimos o tema da auga e da enerxía, en detrimento da lexislación, aínda que tamén está presente” explicou Jose Antonio Pérez. Ademais seleccionaron relatorios relacionados coa xestión ambiental, os espazos protexidos, a biodiversidade, a política e a educación ambiental, ou a lexislación, delito e fiscalidade ambientais. Para facer máis dinámica cada charla e que o público poida participar, todos os conferenciantes disporán dunha quenda de preguntas.
Seguindo a liña de continuidade, entre os relatores das xornadas estarán destacados persoeiros dos sectores público e privado. No primeiro caso, contarase coa presenza de catro directores xerais; o de Conservación da Natureza, José Benito Reza, que centrará a súa intervención en temas relacionados coa protección medioambiental; a de Ordenación e Innovación Educativa, Mª José Patiño, que falará da necesidade de educación ambiental; o de Desenvolvemento Sostible, Emilio Fernández Suárez, que afondará no Plan Galego de Acción fronte ao cambio climático e, o de Saúde Pública, Ramón Medina, que se centrará na relación entre o medio ambiente e a saúde. Por parte da Universidade, asistirán, entre outros, o vicerreitor de Planificación, José Cidrás, que fará unha exposición sobre Enerxía e Medio Ambiente, e a directora do EnergyLab, Elena González, que se centrará en temas de eficiencia enerxética nos sectores produtivos. Ademais, o presidente de Syme destacou a participación de Eduardo Salazar, responsable da sección de Dereito Ambiental do Colexio de Murcia, que falará do caso “Marina de Cope-Murcia”, “un caso de especial interese polo que xa merece acudir ás xornadas, xa que é o único de temas ambientais que está no Tribunal Constitucional e podería ser a primeira sentencia neste eido”, sinalou Pérez.

Seminario e concurso de Fotografía Ambiental

Pero ademais das conferencias, SYME propón outras dúas actividades paralelas. Dunha banda, o concurso fotográfico, “que xa é a terceira vez que o facemos e que conta cuns 20 participantes de media” e a novidade deste ano: o I Seminario de Fotografía Medioambiental, que terá lugar os días 16 e 17 de outubro. “A xente de ciencias ten que incluír nos proxectos e informes fotografías, pero a maioría deles non saben facelas, polo que queriamos impartir un pequeno curso” comentou Jose Antonio Pérez. Miguel Murcia, fotógrafo profesional e coordinador estatal da rede de voluntariado de WWF/Adena, será o encargado de levar a cabo as seis horas de clase para as que nun principio se ofertaban 20 prazas e que, a día de hoxe, “ten 80 inscritos, grazas a un esforzo do profesor” concluíu o presidente da asociación.
Máis información