DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Patrocinadas polo Consello Social da Universidade de Vigo

As II Xornadas de metodoloxías docentes activas en Dereito Romano centraranse na adaptación do ensino ao EEES

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 10/02/2009

A adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, EEES, é sen dúbida a principal preocupación que existe nestes momentos na universidade xa que todo o mundo quere estar preparado para os cambios que se van a producir tanto na ensinanza como no proceso de aprendizaxe. Co obxectivo de poñerse ao día nestes aspectos, no mes de abril chegarán ao campus, patrocinadas polo Consello Social da Universidade de Vigo, as II Xornadas de metodoloxías docentes activas en Dereito Romano. Este curso, dirixido a alumnos da Facultade de Dereito de Ourense e da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo de Vigo, pretende amosar que co EEES “xa non só se trata de formar en coñecementos senón da participación dos estudantes na súa propia educación”, explicou María José Bravo Bosch, organizadora das xornadas e profesora titular de Dereito Romano.
O curso, cunha duración de 40 horas, terá lugar os días 1, 15, 22 e 29 de abril no salón de graos do Edificio Xurídico-Empresarial e na súa programación inclúense sesións teóricas con conferencias de distintos expertos e obradoiros prácticos onde se traballará na aprendizaxe colaborativa. Este novo método consiste na realización de traballos en grupo guiados polo profesor no que cada participante se encargada dun apartado do exercicio “pero despois debe transmitirlle aos seus compañeiros o que aprendeu ao igual que o farán o resto de integrantes”, deste xeito conséguese maior traballo en equipo e cooperación. Sen embargo, “isto non significa que o docente fuxa da súa responsabilidade como transmisor”.
En definitiva o obxectivo das xornadas “non é que afonden moitísimo no Dereito Romano, senón na interacción deste co EEES”. Ademais pretenden amosar “que foi precisamente en Roma onde máis se traballaba cos alumnos”, concluíu Bravo.

Programación das xornadas

O curso comezará o mércores 1 de abril ás 9.00 horas e tras o acto inaugural Fabio Botta, catedrático de Dereito Romano da Universidade de Cagliari en Italia, falará das diferencias do ensino entre Italia e España no tocante á materia que el imparte. Ás 12.00 horas outro italiano, neste caso o profesor Vicenzo Durante da Universidade de Florencia ofrecerá un relatorio sobre o Dereito europeo. Hai que sinalar que cada conferenciante expresarase na lingua do lugar do que proceden, os organizadores pretenden deste xeito “que os estudantes aprendan que se queren saír fóra teñen que falar idiomas, ademais neste caso o italiano ten moitas similitudes coa nosa lingua”. Non obstante, ao principio dos relatorios Bravo fará un resumo do contido das intervencións.
O día 15 de abril iniciarase ás 9.00 horas co obradoiro de aprendizaxe colaborativa, tras o cal chegarán Gustavo de las Heras, catedrático de Dereito Romano da Universidade de Castilla-La Mancha e Carmen López Rendo, profesora da Universidade de Oviedo para falar respectivamente de As novas tecnoloxías na nova metodoloxía docente e do Dereito Romano e docencia no EEES. Experiencias piloto.
Francesco Musumeci, da Universidade de Catania en Italia, abrirá a xornada do 22 de abril ás 10.00 horas e será seguido por Rosalía Rodríguez, profesora da Universidade de Almería. Esta última falará “do proxecto Tuning nas materias histórico-xurídicas”, indicou Bravo.
Xa para rematar o mércores 29 ás 9.00 horas terá lugar outro obradoiro práctico. Cando finalice Alfonso Agudo, catedrático da Universidade de La Rioja, ofrecerá un relatorio sobre o ensino do Dereito en Roma. A continuación chegará Modesto Barcia que falará “da relevancia do método de casos prácticos nos estudos xurídicos, sen importar que ao principio os coñecementos teóricos non sexan os suficientes”. A xornada finalizará co acto de clausura ás 14.00 horas.

Datos de interese

As xornadas, de carácter gratuíto, pechan o prazo de inscrición o mércores 25 de marzo. Para matricularse é preciso enviar un correo electrónico a sdefdo@uvigo.es no que se fagan constar os seguintes datos: nome e apelidos, DNI, enderezo, poboación, provincia, código postal, teléfonos de contacto, enderezo electrónico, facultade e curso.
Despois deste procedemento, a matrícula formalizarase entregando unha copia do DNI na secretaría do Decanato da Facultade de Dereito, en horario de 9.00 a 14.00 horas.
Para poder conseguir a validación dos dous créditos de libre elección os matriculados deberán asistir ao 80% das sesións e facer entrega do traballo de aprendizaxe colaborativa.