DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O III Certame Literario Eduardo Chao premiará os mellores traballos sobre a vida afectiva, familiar e social de homes e mulleres

O prazo de presentación das obras remata o 5 de maio

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI DUVI 28/04/2008

A Federación Veciñal Eduardo Chao convoca, por terceiro ano consecutivo, o seu certame literario co que pretende recoñecer publicamente ás novas e novos creadores da lingua galega dentro dos actos de conmemoración do Día das Letras Galegas.
Nesta edición o concurso presenta dúas novidades importantes, por unha banda a posibilidade de participación dos homes e, por outra, a incorporación dunha nova categoría ademais da de relato curto e poesía, a de banda deseñada, co fin de abrir o certame á xente máis nova.
O tema escollido nesta ocasión é a vida afectiva, familiar, social e laboral de homes e mulleres. As obras deberán estar escritas en lingua galega normativa cun máximo de 10 páxinas na categoría de relato curto, 50 versos para poesía e dúas páxinas en formato A4 na categoría de banda deseñada e presentaranse con pseudónimo baixo plica pechada na que figuren os datos do autor, antes do 5 de maio, ben por correo, ben en man, na sede da FAVEC (Praza da Princesa 7, 2º andar, Vigo).
A entrega dos premios, que comprenden 200 euros para o gañador, 100 para o segundo e un lote de libros para o terceiro, será no Museo Casa das Palabras Verbum o venres 16 de maio, onde farán pública a decisión do xurado.

Certame Literario Eduardo Chao da Igualdade, Día das Letras Galegas

O Certame Literario Eduardo Chao xurde no ano 2006 coa intención de conmemorar o Día das Letras Galegas tratando de recoñecer a labor creativa das mulleres no ámbito literario. Entre os obxectivos do certame está salientar a importancia das escritoras galegas, estimular as creacións literarias feitas por mulleres e recoñecer e premiar ás mulleres que representan novos talentos literarios.
Máis información sobre a convocatoria na páxina da FAVEC