DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrarase do 25 ao 27 de outubro de 2018 no campus

O III Congreso Internacional da Auga estará centrado na historia

O prazo para propor comunicacións científicas remata o 14 de abril

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
DUVI 03/04/2018

Se na primeira edición o protagonista foi o termalismo e a calidade de vida e no segundo as inundacións e secas, o III Congreso Internacional da Auga, organizado no marco do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga, terá como eixe temático central a historia. A cita, celebrarase do 25 ao 27 de outubro de 2018 co obxectivo de volver unha vez máis a ser “punto de encontro para reflexionar e intercambiar coñecementos sobre aspectos significativos relacionados coa auga”.

Achegamento multidisciplinar

A organización deste terceiro congreso, que conta co patrocinio do Concello de Ourense e a Deputación Provincial de Ourense, correrá a cargo da Facultade de Historia do campus e membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio Geaat da Universidade de Vigo, tendo como coordinadoras a Susana Reboreda, decana desta facultade, e a Silvia González, investigadora Torres Quevedo do Geaat. Completan o comité organizador oito profesores, profesoras e persoal investigador das entidades organizadoras, ao que se engade un comité científico formado por 22 expertos e expertas de 16 universidades e institucións relacionadas. Baixo o lema Auga, sociedade e territorio, desde a organización sinalan que agardan converter con este congreso á cidade de Ourense nun foro de debate que aborde esta temática desde unha perspectiva multidimensional, tanto no ámbito da península ibérica como fóra dela. “A auga constitúe un recurso universal de primeira necesidade, de importancia mundial, cuxo coñecemento, xestión e uso poden e deben ser abordados desde unha perspectiva global necesariamente multidisciplinar”, recalcan.

Durante os días de celebración, no congreso abordaranse “aspectos concretos sobre a realidade histórica, artística e xeográfica da auga e o ser humano, en diferentes territorios e sociedades”. Dentro desta temática xeral, analizaranse diferentes liñas de investigación a través da participación de especialistas de referencia que, ademais de contextualizar a materia, exporán en forma de relatorio diferentes resultados ou modelos de investigación. Neste senso, desde a organización subliñan como o prazo para presentar resumos de comunicacións científicas remata o 14 de abril, sendo xa numerosas as propostas recibidas.

Catro eixes temáticos

En concreto, serán catro os bloques temáticos que se abordarán durante a cita. O primeiro deles estará centrado na arquitectura e sistemas de captación de auga desde a Prehistoria ata a época medieval. “O desenvolvemento dos sistemas de captación, claramente condicionados pola hidrografía, a climatoloxía, a xeoloxía ou a xeografía, é, sen dúbida, un factor de enorme interese para comprender a orixe de moitos asentamentos e infraestruturas, pero tamén para analizar a evolución das técnicas aplicadas e as diferentes solucións adoptadas en distintos escenarios cronolóxicos e espaciais”, indican desde a organización. O segundo bloque do congreso achegarase á arquitectura da auga e ao territorio na época moderna, co obxectivo de “ofrecer un marco para abordar o estudo, documentación e revalorización do patrimonio arquitectónico, industrial e da obra pública asociados á auga ao longo da idade moderna”.

Outro dos grandes eixes temáticos do congreso será a arqueoloxía das paisaxes fluviais, dado que “ao longo da historia, os vales fluviais funcionaron como elementos básicos na articulación do hábitat, na explotación dos recursos primarios e como medio preferente de comunicación entre as zonas interiores e costeiras”, segundo comentan as organizadoras. Por último, o cuarto bloque temático abordará a protección e xestión da auga na actualidade ante a idea de que “a importancia da auga no momento presente fai necesario un exercicio de reflexión e debate sobre diversos aspectos relacionados coa súa protección e xestión”.