DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Universidade e Crossfit Turoqua organizan este evento benéfico, que terá lugar o 17 de decembro

O III Crossfit Solidario doará a súa recadación á Fundación Meniños

Tamén se recollerán alimentos non perecedoiros, roupa e xoguetes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 01/12/2017

Definida pola combinación nun circuíto dunha ampla serie de exercicios de resistencia, forza, habilidade ou xinmásticos, o crossfit é unha modalidade deportiva de crecente popularidade que o vindeiro domingo 17 de decembro amosará a súa faciana máis solidaria no Pavillón Universitario. Por terceiro ano consecutivo, a Área de Benestar, Saúde e Deporte e Turoqua promoven, coa colaboración do Concello, un Crossfit Solidario, aberto á participación dun máximo de 50 persoas, que neste 2017 sumará á doazón de alimentos non perecedoiros, roupa e xoguetes, unha cota de inscrición de 10 euros por parella, que serán doados integramente á Fundación Meniños pola infancia.

Este III Crossfit Solidario foi presentado este venres no Concello pola edil de Deportes, Anxos Riveiro, os responsables de Turoqua, Borja Fernández e Eva Fernández, o director da Área de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho, e o monitor da sala de cardio-fitness do Pavillón Universitario Carlos Paredes. “A idea é tamén que o evento sirva para que a xente coñeza o deporte e vexan que é algo que se pode adaptar a calquera persoa”, salienta este último dunha actividade que, nese senso, proporá nesta competición por parellas unhas primeiras roldas dun nivel máis accesible, “para que todo o mundo participe, e logo segundo vaiamos avanzando iremos complicándoo un pouco máis”.

Aberta á participación de 25 parellas, “que deben realizar a súa preinscrición na plataforma Deporxest e inscribirse de xeito definitivo a través de Turoqua, a cada participante solicítaselle este ano unha cota de 5 euros, que aboarán o mesmo día da competición, á que poden sumar a doazón de xoguetes, roupa e alimentos, que serán doados á Fundación Boa Vida e a Cáritas. Nese senso, a organización convida tamén a aquelas persoas que acudan como público a un evento que dará comezo ás 15.00 horas a que sumen tamén as súas doazóns destes produtos. 

O Maratón de Zumba abre o camiño

O apoio da Universidade a eventos que promoven a solidariedade foi un dos aspectos destacados por Morquecho na presentación deste evento, que terá lugar tres días despois doutra cita deportiva con fins benéficos. Trátase do Maratón de Zumba Solidario, unha actividade aberta a toda a cidadanía, que deberá achegar, a xeito de inscrición, cando menos un quilo de alimentos non perecedoiros, que serán doados ao comedor dos Pais Franciscanos. Promovido pola Área de Benestar, Deporte e Saúde e a Vicerreitoría do campus, coa colaboración de Gadis, Coca-Cola, Gym Dance Fit e FiestaLoka.com, este maratón desenvolverase entre as 20.00 e as 22.00 horas baixo a coordinación de Bruno Hermida, con Olalla Beluso, Conchi Pedraza e Elena Martínez como monitoras.