DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os colectivos analizarán en asemblea a estabilidade dos seus postos de traballo

As III Xornadas Parga Pondal e Ramón y Cajal reunirán este venres no campus a un cento de investigadores

O encontro contará coa intervención de Pedro Miguel Echenique, Premio Príncipe de Asturias de Invest

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 09/11/2009

Reunir a todos os investigadores contratados en Galicia ao abeiro dos programas Parga Pondal e Ramón y Cajal, e servir de punto de encontro e intercambio para a comunicación das liñas e resultados de investigacións desenvolvidas por todos eles. Estes son os principais obxectivos dasIII Xornadas dos Investigadores Parga Pondal e Ramón y Cajal de Galicia, que reunirán este venres 13 de novembro, no Edificio Politécnico, a un centenar de investigadores chegados das tres universidades galegas así como de centros de investigación de toda a Comunidade Autónoma.
Trala apertura das xornadas que terá lugar ás 10.00, celebrarase unha mesa redonda sobre O futuro da I+D+i en Galicia. O investimento en recursos humanos, na que falarán persoalidades vinculadas ao sector entre as que se atopan: Ricardo Capilla, director xeral de I+D+i da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, e os vicerreitores de Investigación das tres Universidades galegas (Concepción Herrero da Universidade da Coruña, María José Alonso da Universidade de Santiago de Compostela e Elsa Vázquez da Universidade de Vigo), entre outros ponentes.

Pedro Miguel Echenique falará da importancia da investigación na sociedade actual

Un dos principais atractivos destas III Xornadas dos Investigadores Parga Pondal e Ramón y Cajal de Galicia é a presenza de Pedro Miguel Echenique, Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica (1998). Ana Torrado, unha das organizadoras do encontro, explica que o obxectivo de incluír ao investigador na axenda “é o de aprender da súa traxectoria e experiencia sobre o que debe significar e aportar a investigación á evolución e ao progreso da sociedade". A intervención de Pedro Miguel Echenique está prevista para as catro e media da tarde.
Seguidamente, a Asociación de investigadores Parga Pondal e a Sección galega da Asociación Nacional de Investigadores Ramón y Cajal celebrarán cadansúa asembles xeral nas que farán unha minuciosa análise da situación actual dos colectivos. Nas palabras de Elena Martínez, membro tamén da organización das Xornadas, “a finalidade é potenciar accións comúns, tanto no que se refire á intensificación das colaboracións no traballo investigador e á divulgación do noso labor á sociedade como na búsqueda de solucións aos nosos problemas actuais”, afirma. De feito, o principal tema a tratar nestas asembleas vai ser a problemática dos investigadores que xa remataron os seus contratos e non teñen estabilizado o seu posto de traballo. Para Raquel Rial, outra das organizadoras das Xornadas, “o que queremos é avanzar na situación dos investigadores galegos de xeito que o seu traballo poida ser de verdade rentable para toda a sociedade. E iso só se consegue a través da mellora das condicións de traballo, e nesa mellora atópase, fundamentalmente, a estabilidade dos postos e das liñas de traballo dos investigadores”, afirma.

Reforzar o tecido investigador galego e informar á sociedade do traballo realizado

As Universidades de Santiago de Compostela e A Coruña foron os escenarios onde se desenvolveron a primeira e a segunda edición, respectivamente, destas xornadas. O balance de ambas as dúas edicións é “moi positivo”, e así o subliña Carmen González, membro do comité organizador da terceira edición da iniciativa. “Por un lado, establecéronse contactos de traballo entre investigadores de distintos centros de traballo galegos a partir dos encontros nas xornadas; por outro, conseguiuse establecer unha base para o diálogo entre os distintos sectores (investigadores, Xunta, Universidades e outras OPIS) e, finalmente, fortalecéronse as asociacións”, declara.
As Xornadas dos Investigadores Parga Pondal e Ramón y Cajal de Galicia acadan este ano a súa terceira edición con máis obxectivos no peto. Entre eles atópase o de reforzar o tecido investigador galego a través do establecemento de posibles sinerxias entre os investigadores, constituír unha plataforma de debate e información á sociedade da labor levada a cabo por estes profesionais, e a edición dun documento público no que se recollan as actividades e conclusións das xornadas.