DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora de Belas Artes Dennise Vaccarello presenta unha exposición nacida da súa tese

Unha illa na Fundación RAC

A mostra pode visitarse ao longo desta semana

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 09/03/2022

Ídem de ídem: metaficción de la investigación artística en el ecosistema insular é o título da tese que a artista e investigadora Dennise Vaccarello levou a cabo no programa de doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea e que nas próximas semanas defenderá na Facultade de Belas Artes. Un conxunto de pezas resultado deste proceso investigador, sustentado nesa “idea de insularidade”, reúnense na exposición, titulada tamén Ídem de ídem, que ao longo desta semana pode visitarse na Fundación RAC. 

"A illa sérveme como metáfora da propia investigación", presentándose como un "espazo acoutado e interconectado", recoñece Vaccarello, que presenta neta mostra unha copia impresa da súa propia investigación, dirixida pola profesora Anne Heyvaert, xunto con outra serie de pezas e materiais resultado do proceso. Así, na Fundación RAC poden verse tamén “as aproximacións artísticas as ideas e o deseño da investigación”, xunto coa “instalación da illa, titulada Ídem” e unha selección de material pertencente “ao percorrido da investigación”, como os propios libros consultados por Vaccarello ao longo do proceso, os mapas que realizou ou libretas de bocexos. Deste xeito, a artista e investigadora buscaba que “a exposición tamén participe da idea de metaficción da investigación artística, presente en todo o proxecto”. Nese senso, Vaccarello busca con esta mostra, segundo recolle o seu texto de presentación, “crear un percorrido no espazo” co que narrar a súa propia “viaxe” investigadora, desde “a conceptualización ata a recreación” do que denomina “investigación-illa”. 

"A finalidade da metaficción é a de mostrar o carácter especular, autoconsciente, autorreflexivo e autorreferencial da investigación artística", engade Vaccarello, que con esa idea buscou que, ademais de para mostrar os resultados do proceso investigador, a exposición permitise tamén “crear unha posta en escena do ecosistema da investigación artística", dirixido a que o espectador participe” desa “idea de insularidade”, prestando “especial atención á atmosfera expositiva, a través da luz, o olor e o son”.

Ídem de ídem pode visitarse, en horario de 19.00 a 21.00 horas, ata este venres 11 de marzo, xornada na que terá lugar o acto de clausura coa participación da artista.