DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a tese de doutoramento de Concepción González

O illamento favorece as diverxencias adaptativas da platuxa americana do Gran Banco de Terranova e de Flemish Cap

Tamén inflúen as características do medio e a acción da sobrepesca

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 20/04/2012

As pesquerías da platuxa americana (Hippoglossoides platessoides) foron tradicionalmente de moita importancia para a flota galega que faena no noroeste do Atlántico, preto de Terranova. Tanto no Gran Banco de Terranova, como no de Flemish Cap, ao noreste, esta especie é moi abundante, dedicándose á súa captura barcos galegos, de Canadá, USA, España e Rusia. Pero a distancia que separa ambas pesquerías e as diferentes características da súa contorna poden provocar unha evolución diferenciada de ambas poboacións. Esta é a hipótese que Concepción González constatou na súa tese de doutoramento, dirixida por Xabier Paz, investigador do Instituto Español de Oceanografía.

A conclusión do seu estudo demostra que o illamento poboacional, engadido ás características do medio e á acción da sobrepesca, favorecen as diverxencias adaptativas nas poboacións da platuxa americana do Gran Banco e de Flemish Cap. Segundo explica a científica, os bancos de peixes “responden ás diverxencias adaptativas, desenvolvendo modificacións nas súas características biolóxicas e ecolóxicas que adaptan mellor a cada medio”.

Influencia da presión pesqueira

O obxectivo do traballo de Concepción González era comprobar se a presión pesqueira en estas áreas tiña provocado ou acelerado “os cambios na ecoloxía e parámetros biolóxicos de ambas poboacións”. Para iso realizou mostraxes dende 1992 ata 2010, analizando talla, peso, gónadas, estrutura trófica e contidos estomacais de miles de individuos de ambos bancos. Para estudar a frecuencias das tallas, por exemplo, realizáronse 2230 mostraxes e analizáronse 121620 individuos. Nestes anos, a investigadora participou en catro campañas comerciais, tres de pesca experimental, unha campaña de control e seguimento e 21 campañas científicas sumando un total de 1278 días de embarque.

A investigación demostrou que, tras estar ambos bancos pesqueiros, tanto o Gran Banco como Flemish Cap, sometidos a unha intensa explotación dende os anos sesenta, existen diferenzas nos parámetros biolóxicos e pauta ecolóxica destas poboacións, á vez que non amosan grandes cambios respecto a períodos anteriores. O estudo confirma que ambas poboacións de platuxa se foron adaptado á obtención do máximo de enerxía no seu medio, así como a un reparto máis adecuado para obter o mellor balance entre a súa taxa de crecemento, a idade de primeira maduración e a taxa de mortalidade natural nas súas respectivas contornas.

Cambios na dieta dos peixes

Os cambios ontoxénicos (referidos ao desenvolvemento dun organismo) na dieta da platuxa americana do Gran Banco constitúen o fundamento das modificacións no seu ciclo vital. Eses cambios na alimentación nun momento dado, supoñen un maior contido enerxético na dieta, posibilitando o incremento da súa taxa de crecemento, que ata ese momento era inferior á da poboación de Flemish Cap. Pola contra, en Flemish Cap, a platuxa dispón dunha dieta máis rica nos primeiros anos do seu ciclo vital, motivo polo que a taxa de crecemento é superior, pero non sería tan favorable posteriormente na etapa adulta.

En xeral, a platuxa do Gran Banco caracterízase por unha estratexia vital con menor taxa de crecemento inicial, maior talla alcanzada e lonxevidade, así como por unha idade de maduración tardía, relacionándose cunha menor mortalidade natural e maior logro reprodutivo na relación de inversión e ganancia enerxética dende o punto de vista poboacional. En contraste, en Flemish Cap a situación diverxe lixeiramente desta estratexia, e presenta unha maior taxa de crecemento inicial, unha menor talla máxima e unha máis temperá idade de reprodución, é dicir, resultan individuos menos lonxevos, expostos a maior mortalidade natural. Considerando estes datos, o ciclo termodinámico da renovación xeracional sería máis lento para os individuos do Gran Banco e máis rápido para a poboación de Flemish Cap.

A investigadora destaca, entre as conclusións do seu traballo, que “resulta difícil separar a influencia da pesca das diferenzas adaptativas de cada poboación” e remarca que as características biolóxicas que definen as diferenzas entre estas poboacións, aparecen confirmadas tras o estudo, adaptándose cada unha aos respectivos medios.