DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu o ciclo Universidade-Empresa organizado polo Consello Social

A ilusión do emprendedor resulta imprescindible para pór en marcha a súa idea empresarial

O experto Eugenio Palomero ofreceu un relatorio sobre innovación e creatividade

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 10/11/2010
Unha idea, unha ilusión, unhas habilidades e uns coñecementos son os catro requisitos que segundo Eugenio Palomero, experto en habilidades directivas e marketing financieiro, resultan imprescindibles para a creación dunha empresa. Así o puxo de manifesto no transcurso do obradoiro interactivo que ofreceu no campus con motivo do ciclo Universidade-Empresa organizado polo Consello Social da Universidade en colaboración coa Confederación Empresarial de Ourense.

Os conceptos de innovación e creatividade, focalizados nas actitudes e competencias propias dun emprendedor, convertéronse en protagonistas do relatorio, posto que para Palomero constitúen a parte verdadeiramente relevante na creación de calquera empresa. “Cando falamos de creatividade debemos ter presente que o concepto como tal non existe, senón que o que hai son personas creativas e isto vai aparellado á personalidade de cada individuo”, dixo. Como consecuencia desta premisa, o experto considera que lonxe de copiar modelos preconcebidos, o que debe facer un emprendedor é desenvolver mellor e de forma innovadora o que xa existe.

Toda persoa disposta a pór en marcha unha idea empresarial debe ter presente que dende o comezo vai atopar detratores, “polo que terá que loitar contra vento e marea”, segundo palabras de Palomero, que engade que “unha vez vencida esta resistencia deberá utilizar ao máximo as súas capacidades de comunicar, de negociar e de sufrir”. No tocante á parte final, a dos coñecementos, o experto resalta a importancia dos de tipo psicolóxico e financieiros, pois “a negociación cos bancos é feroz”, conclúe.

A xornada completouse coa poñencia que Fernando Botella, experto en creatividade, e Jorge Blass, ilusionista, ofreceron conxuntamente para demostrar a importancia que a ilusión posúe de cara á creación de empresas.

Apoio a emprendedores

Para axudar aos emprendedores a pór en marcha as súas ideas, entre outras iniciativas, a Confederación Empresarial de Ourense creou no ano 2004 a Rede Bang, que achega apoio e asesoramento tanto na etapa de desenvolvemento da idea como na de busca de financiamento. Outras institucións ás que se pode acudir para desenvolver un proxecto innovador son BIC Galicia, Igape e a propia Consellería de Traballo.