DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo AH2 edita un libro e unha web cun catálogo exhaustivo destas obras

'A ilustración gráfica en Galicia 1880-1936' homenaxea aos creadores de vangarda

Analiza máis de seiscentas ilustracións de publicacións e revistas galegas

Etiquetas
  • Ourense
Rosa Tedín DUVI 04/10/2011
Unha publicación, sexa un libro ou un revista, é contido pero tamén un continente. Se os escritores poñen as verbas os creadores poñen a imaxe en debuxos, tipografía, cores, composicións, etc. Para recompilar, dar a coñecer e reivindicar o papel da ilustración gráfica en Galicia, o grupo de investigación AH2 do Departamento de Arte, Historia e Xeografía da Universidade de Vigo vén de publicar o libro La ilustración gráfica en Galicia 1880-1936 e unha web cun exhaustivo catálogo de creadores e obras.

O libro foi presentado este martes no campus de Ourense pola catedrática María Victoria Carballo-Calero, coordinadora da publicación xunto a Jorge Varela, e o editor de Duen De Bux Alfonso Prada. “O que quixemos con este proxecto é ofrecer unha idea real do que foi a ilustración gráfica en Galicia ata 1936, cando todo se interrompe pola Guerra Civil”, salientou durante a presentación Mª Victoria Carballo. O obxectivo do proxecto, que contou co financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación, foi levar a cabo un inventario dos fondos de ilustracións en libros e revistas de vangarda en Galicia no período 1880-1936 e a elaboración dun catálogo exhaustivo de ilustracións e ilustradores para o seu uso tanto en investigación coma en ensino.

A luz das grandes obras da cultura galega

Neste ambicioso proxecto ademais de María Victoria Carballo participou un equipo de investigación formado por Jorge A. Varela, Mercedes Bangueses, Susana Cendán, Ángel López, Marta Filgueira, Marta López e Roberto Vázquez. Eles foron os responsables de recoller e realizar unha ficha de cada unha das 664 ilustracións que recolle esta publicación. Un inxente traballo que ademais da súa versión en papel ten unha versión electrónica na web http://webs.uvigo.es/ilustracionengalicia/index.php, onde os interesados poden acceder á exhaustiva base de datos de creadores e obras.

“A da ilustración é unha historia preciosa, pois Galicia non é só un país de escritores, tamén o é de debuxantes e pintores preocupados do que hai alén das fronteiras nesa época”, apuntou durante a presentación do libro María Victoria Carballo-Calero lembrando o traballo de persoas como Manuel Méndez e Rafael Barradas e revistas como Alfar, Nós e La Zarpa. “Sería totalmente impensable a obra escrita de Otero Pedraio, Risco, Manuel Murguía, Villar Ponte… sen un Ánxel Casal, Roel, Soto Freire, Gerardo Castro, Ferrer, García Ybarra… Esta xente facía posible que as obras dos primeiros visen a luz, de modo que a cultura galega ten contraído con estes artífices de libros unha importante débeda”, destacan os responsables do proxecto.

Xornadas con Trapiello e Bonet

Co gallo da publicación deste libro, os días 6 de outubro e 10 de novembro o Centro de Desenvolvemento Novacaixagalicia acollerá unhas xornadas tituladas Ilustración gráfica, imprenta e arte de vangarda. Nelas, o primeiro día Andrés Trapiello, poeta e escritor, falará sobre a Imprenta moderna. Tipografía e literatura en España, e Juan Manuel Bonet, escritor e crítico de arte, afondará nos Impresos de vangarda en España 1912-1936. O 10 de novembro seguiralle Valeriano Bozal cunha intervención sobre Ilustración gráfica e arte de vangarda.