DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A implantación do novo deseño acada xa o 80%

A imaxe corporativa da Universidade consegue un Ouro e unha Prata nos premios Laus

Estes galardóns valoran as últimas tendencias do deseño gráfico e a comunicación visual

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 31/05/2010

Definida dende a institución como “moi moderna, moi visible e moi funcional” a nova imaxe corporativa da Universidade de Vigo acadou un premio de Ouro e outro de Prata nos premios Laus, os galardóns que cada ano, e xa van 40, recoñecen as últimas tendencias do sector de deseño gráfico e comunicación visual. Se o ouro foi para a corporativa, a tipografía fíxose cunha prata “dúas medallas que supoñen un grande éxito do equipo de goberno que agora se vai, especialmente de Alberto Gago e Iván Area, que sempre apostaron pola excelencia”, subliñou Fernando Suárez, director da Área de Imaxe da Universidade, que fixo fincapé en que “os índices de calidade mídense por feitos coma este”.
Recén chegado de Barcelona, onde tivo lugar a entrega de premios que organiza a Asociación de Directores de Arte e Deseñadores Gráficos do FAD, ADG-FAD, Fernándo Suárez estivo acompañado na Nit Laus, como se coñece a cerimonia de entrega de premios, polo deseñador Óscar Germade, de Gráfica, o estudo de deseño gañador do concurso internacional de ideas convocado pola Universidade para elixir o novo logotipo.

Cen logotipos baixo un mesmo paraugas

Germade lembrou as dificultades dun traballo onde o principal problema do que se partiu era que en toda a Universidade había case 100 logotipos e era necesario unificalos todos baixo un mesmo paraugas que fose moderno e útil. “Asinamos unha aposta bastante arriscada, onde se incide na importancia da linguaxe e acadamos cunha imaxe moderna, actual e de prestixio”, ao tempo que fixo fincapé en que “o premio respalda agora toda esta aposta da Universidade” xa que, segundo subliña, se conseguiu dentro dunha das categorías máis difíciles, o sistema visual, “pois non é o mesmo xulgar unha única peza, como pode ser un cartel, ca un sistema tan complexo coma toda a corporativa”.
Tras o éxito acadado nos Laus, os autores do proxecto afirman que se presentarán tamén aos premios europeos, “xa que a nivel de imaxe Vigo posicionouse a primeiro nivel, á mesma altura cas universidades de Londres, Amsterdam ou Estados Unidos”, incidiu Germade, que admite a dificultade de repetir o éxito, “xa que a competencia é enorme”.

A crise ralentizou o proceso de implantación

En canto ao proceso de desenvolvemento da nova corporativa, o director dá Área de Imaxe destacou que o grao de implantación sitúase nestes intres arredor do 80% . “Foi un proceso que se fixo a modo por varios motivos, fundamentalmente pola crise, xa que desde o inicio se apostou por aproveitar todo o que estaba feito” subliñou Suárez, que explicou que en certa maneira se foi facendo “segundo pedido”, en referencia a que todo o material, incluída a papelaría, se elaborou a medida que se precisaba e sen tirar nada do que había feito.
Suárez subliñou tamén que antes da nova corporativa había máis de 90 logotipos dentro da Universidade, todos moi distintos, “agora o que estamos facendo é potenciar a imaxe Universidade de Vigo como tal, algo absolutamente necesario se queremos ir a Europa e saír das nosas fronteiras” e, en canto ás críticas por unha menor presenza do escudo, “que non desaparición”, recalcou, incidiu que se trata dun elemento heráldico que se mantén para a representación académica ou a emisión de certificados oficiais, “pero outra cousa é marca Universidade de Vigo”.