DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recolle fotografías de estudantes de Belas Artes que reflexionan sobre a orde sexual imposta

Imaxes que rompen os moldes da orde sexual imposta

A exposición 'Sen Moldes II' pódese visitar no Centro Comercial de Cidade Universitaria

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Igualdade
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 10/10/2018

19 fotografías, 19 xeitos de rachar cos roles de xénero, 19 propostas para amosar realidades discrepantes e creativas que rompen a orde sexual imposta. Detrás destas visións están outros tantos estudantes da Facultade de Belas Artes que dan forma á segunda edición da mostra Sen Moldes, que se pode visitar deste hoxe mércores no Centro Comercial de Cidade Universitaria.

Trátase dunha iniciativa posta en marcha polos docentes Mar Caldas, Andrés Pinal e Carlos Tejo, co patrocinio da Unidade de Igualdade, baixo o paraugas da materia Técnicas Fotográficas, que se imparte no primeiro curso do grao. Tejo explica que se seleccionaron 19 obras entre os 149 traballos presentados dentro da materia, “nos que se resume o que aprenderon ao longo do curso tanto a nivel técnico como conceptual”. Os docentes realizaron un convite ao alumnado para reflexionar arredor “dos roles de xénero, da violencia machista e das valentes eleccións que cuestionan unha impositiva heterosexualidade”. Deste reto naceron as imaxes que agora conforman a mostra Sen Moldes, “diferentes xeitos de enfocar a perspectiva de xénero, dende a temática da violencia de xénero, a discriminación laboral da muller, a falta de empatía por outras opcións de orientación sexual, etc.”, remarca o docente. As metáforas, que provocan lecturas abertas, dominan a selección das obras, pero outras “falan directa e abertamente sobre a temática proposta”, con visións críticas, discrepantes, innovadoras, creativas, diverxentes ou mesmo paradoxais.

O profesor Tejo tamén fai fincapé en que das 19 obras que foron seleccionadas para a mostra, 18 son de alumnas (Nahir Álvarez, Uxía Armada, María Barca, Lola Calviño, Benita Diéguez, Daniela Domínguez, Vanesa Domínguez, Carla Fernández, Nuria Ferreiro, Sofía González, Laura López, Carla Montouto, Mónica Pascual, Iria Pazos, María Pérez, Paola Reboreda, lria Pereira e Uxía Zamar) e tan só unha dun alumno (Mateo Barcia). Tanto Tejo, como a decana de Belas Artes, que tamén asistiu á inauguración, destacaron tanto a resposta e implicación do alumando como a calidade das obras, “sobre todo tendo en conta que son traballos realizados no primeiro ano de carreira”. Como parte do proceso creativo, quixeron tamén salientar “o acertado uso  de  ferramentas  como  a introspección,  os xogos coa linguaxe ou un lúcido sentido do humor”. 

Igualdade como contido transversal

A aposta de Mar Caldas, Andrés Pinal e Carlos Tejo pola interrelación entre arte e igualdade é fonda e estruturada. A materia Técnicas fotográficas, da que nace esta exposición, conta cun módulo sobre xénero e igualdade, convertendo esta temática nun contido transversal na formación dos futuros titulados e tituladas. Analizan, por exemplo, “a obra de autoras que están traballando con fotografía arredor do xénero, serven como referentes e ademais permítennos introducir as bases teóricas que están detrás deste discurso”, explica Carlos Tejo. A decana de Belas Artes demanda máis iniciativas deste tipo, que permiten que a igualdade se converta en formación transversal, algo que como engade Tejo, “xa esixe a lexislación española”. Neste sentido, a Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade, lembrou que na reunión da sectorial da CRUE “unha das medidas que se van abordar é que a perspectiva de xénero sexa un criterio para acreditar ou non unha titulación” e, de aprobalo, tería un “efecto cascada” para que a igualdade entre no currículo.

Mentres non sexa así, a inclusión de contidos relacionados coa igualdade nas aulas depende, como remarcaba a decana Silvia García, “dun profesorado moi sensibilizado e implicado neste tipo de temas”, que traballe para romper con dinámicas que teñen aos homes como únicos protagonistas, “como por exemplo no mundo da arte, que transmite o patrón de varón, branco e heterosexual”, cando nas facultades de Belas Artes o alumnado é maioritariamente feminino. 

Reivindicar o corpo e visibilizar a diversidade

Entre as 19 obras da exposición está a fotografía que asina Lola Calviño, na que tratou de centrarse no xénero feminino, cun plano detalle do vello na axila e da mamila, coa que “principalmente quixen plasmar a crítica que a muller sufre no seu físico a través de dúas cousas máis odiadas, criticadas e censuradas hoxe en día”. A proposta de Nahir Álvarez é tamén moi explícita, e con ela trata de “visibilizar diferentes tipos de parellas e amosar que cando es libre, es feliz”. Menos directa é a obra de Mateo Barcia, unha fotografía que forma parte dunha serie “que fala da contraposición da roupa de xénero masculino fronte á do xénero feminino, con sutilezas como a dirección na que se abrochan os botóns, que son moi representativas”. 

A mostra exporase tamén nos vindeiros meses no campus de Pontevedra e no de Ourense.