DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle a mostra 'De Uruk a Asiria: arqueoloxía e historia antiga no berce da civilización'

Imaxes que son testemuño dun patrimonio excepcional hoxe en perigo

As fotografías recollen o traballo realizado no Proxecto Arqueolóxico Medio Éufrates Sirio

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 04/03/2013

A máis de 5000 quilómetros de Galicia, nun país hoxe en conflito como é Siria, está o chamado berce da civilización. Alí tamén estiveron durante sete anos as ilusións e o traballo dun grupo sirio-español, coordinado pola Facultade de Humanidades e Documentación da Universidade da Coruña e a Dirección Xeral das Antigüidades e Museos de Damasco, que tiña como obxectivo estudar arqueoloxicamente o enclave chamado garganta de Khanuqa. Para dar a coñecer esa zona e o traballo realizado, o campus de Ourense acolle a mostra De Uruk a Asiria: arqueoloxía e historia antiga no berce da civilización.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia; Juan Luis Montero-Fenollós, profesor da Universidade da Coruña responsable do proxecto, e o fotógrafo Eloy Taboada, autor das instantáneas da mostra, foron os encargados de presentar este luns o proxecto e a súa exposición, “unha iniciativa moi enriquecedora que nos permitirá achegarnos ao valor patrimonial dun enclave que está considerado o berce da civilización”, tal e como destacou María Lameiras. “Durante sete anos o equipo de Juan Luis Montero-Fenollós realizou campañas de escavacións nesa zona xeográfica case mítica e é importante visibilizar ese traballo e ese patrimonio agora que está sometido ao espolio”, apuntou Beatriz Comendador.

Xeografía que condiciona a historia

Segundo explicou Juan Luis Montero-Fenollós durante a presentación do proxecto a un grupo de estudantes e docentes da Facultade de Historia ourensá, a iniciativa naceu en 2004 e desenvolveuse a través de diferentes campañas arqueolóxicas ata que o estalido hai dous anos das chamadas "primaveras árabes" fixo imposible continuar o traballo en Siria. Durante o tempo de escavacións, o obxectivo foi, explicou, estudar como a garganta basáltica de Kanuga, situada no val do Éufrates, condicionou o devir histórico da rexión sirio-mesopotámica, xa que se trataba dunha fronteira natural, punto de control de mercadorías pero tamén de persoas e de ideas. A pesar de ser un lugar empregado de xeito intensivo polos grandes imperios mesopotámicos, subliñou o coordinador do proxecto, “a zona estaba practicamente inexplorada ata a realización deste proxecto”.

A través das fotografías expostas na entrada do Edificio de Ferro, as persoas interesadas poden coñecer agora a rexión onde se desenvolveu este proxecto, comprobar a través das imaxes o seu valor xeográfico e patrimonial, achegarse ao traballo arqueolóxico realizado na zona e ver os restos atopados. Para realizar esta mostra, que inclúe un video, o fotógrafo Eloy Taboada acudiu repetidas veces á zona ao longo dos anos de desenvolvemento do proxecto arqueolóxico, recollendo coa súa cámara o traballo do equipo de escavacións sirio-español. Unha selección destras imaxes é a que desde este luns acolle o campus de Ourense e que pretende ser unha ventá aberta a unha cultura e a unha xeografía afastadas no tempo e no espazo pero que espertan moita curiosidade entre o público xeral. “Son sete anos de traballo agora truncados de xeito brutal pola situación actual de Siria”, comentou Juan Luis Montero-Fenollós.