DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo se desprende da tese de Martín Rodríguez Caeiro

As imaxes son previas á aparición da materia viva e fundamentais na súa manifestación

O autor traballou sobre o concepto de "reino imaxinal"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Camino Carballeira DUVI 29/01/2009

Para a filosofía, o imaxinal é un mundo entre o sensible e o intelixible. Na bioloxía este concepto responde ás estruturas do proceso de metamorfose. Para Martín Rodríguez Caeiro, autor da tese El reino imaginal: viaje de lo natural a lo real y viceversa é “un territorio no que o natural e o real comparten categorías”. O reino imaxinal afirma que as imaxes son anteriores á aparición da materia viva, que había imaxes antes que seres vivos e, por tanto, na aparición do vivo foi fundamental o especular. Así, os diferentes sentidos que, desde a filosofía e a bioloxía, se lle teñen dado ao concepto “imaxinal” foron empregados por Rodríguez Caeiro para darlles unha nova volta de torca e situalo no campo das Belas Artes.
Segundo explica, “o imaxinal articúlase a través do imago, a imaxinación e a imaxe” e ofrece como exemplo o reflexo dos obxectos na auga para explicalo. “Hai moitas teorías de como xurdiu a materia viva”, explica, “pero a pedra sempre se reflexou na auga e por iso o que importa e o mundo que intervén na transformación do inerte en orgánico”. Así, a súa tese sobre o reino imaxinal establece que a imaxinación está na natureza e o universo que, canda as leis universais da ciencia, existe a lei imaxinal. Precisamente esa lei é a que permite “unha conexión entre o programa xenético e o programa imaxenético”. Todo porque, segundo afirma, “a imaxinación é natureza, é universo, é xen e condición de existencia”.
Rodríguez Caeiro tamén amosa o seu interese pola dualidade, máis concretamente por “aqueles termos que anulan os contrarios, como os que traballaban os posmodernos” e cos que pode traballar ao seu gusto neste campo.

Dereito e responsabilidade

A reflexión de Martín Rodríguez está plantexada desde “a liberdade do ámbito da arte” e cómpre entendela como unha “aventura do coñecemento, sen falar de categorías universais”, explica. “Os físicos e químicos hai cousas que non se poden plantexar, están condicionados a pensar segundo uns parámetros, pero eu teño non só o dereito senón a responsabilidade de traballar neses temas deste o ámbito artístico, moito máis se se fai desde a universidade”, apunta. Neste sentido, Martín Rodríguez está integrado no Grupo de Investigación Modo de modos de coñecemento artístico que reúne a 60 investigadores e xurdiu da fusión de catro grupos –o PE-1, PE-2, ES-1 e ES-3- impulsada para aumentar a produción científica e consolidar liñas de investigación.

Interseccións entre a arte, a ciencia e a técnica

Outro dos proxectos no que este investigador desenvolve a súa actividade é a Investigación transversal práctica do cruce metódico: arte, ciencia e técnica. Este grupo está impulsado por un proxecto da Xunta e a Consellería de Innovación que pretende establecer un diálogo entre estas tres disciplinas para “compartir traballos desde diferentes ámbitos”. En concreto, Martín Rodríguez traballa nun proxecto, todavía en fase de construción, sobre a dimensión sonora co físico da Universidade de Vigo, Martín Pérez. O importante segundo el mesmo sinala é “aproximarse a outras visións e profundizar na investigación científica”.