DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pedro Araujo, decano da Facultade de Ciencias:

“A implantación de Ciencias Ambientais non vai supor exclusión de persoal docente”

Asegura que os profesores terán unha carga docente similar á que tiñan con Física

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Raquel Feijóo DUVI 11/12/2009
Pedro Araujo foi elexido decano da Facultade de Ciencias no mes de xullo. Doutor en Xeoloxía, sempre apostou pola exclusividade de Ciencias Ambientais para o Campus de Ourense. Conseguido este obxectivo asegura que a nova titulación permitirá captar alumnos de todas as provincias galegas e tamén doutras comunidades autónomas e subliña tamén que non vai haber exclusión de persoal docente. Segundo explica, “en Medio Ambiente prevemos unha matrícula en torno aos 50 alumnos polo que a carga docente vai aumentar moi significativamente. É dicir que os profesores, aínda tendo menos materias, van ter unha carga docente similar á que tiñan antes con Física”.

A Xunta de Centro da Facultade de Ciencias vén de aprobar o plan de estudos de Ciencias Ambientais, o novo grao que substituirá á licenciatura de Física. Que valoración lle merece este plan de estudos?
A valoración é moi positiva porque nun espazo de tempo moi pequeno puidemos articular un plan de estudos onde a facultade se sentía reflexada. Ademais e en certos aspectos é un plan de estudos novedoso xa que apostamos polo clima como un factor importante dentro do medio ambiente e isto sérvenos tamén para integrar os recursos que xa tiñamos en canto a grupos de investigación e persoal da antiga licenciatura de Física.

Que supón para o campus de Ourense contar con estes estudos?
Para o campus é moi bo pola importancia dos estudos en si mesma e pola exclusividade que representa un título deste tipo en Galicia. Para a facultade a valoración é aínda máis positiva porque serve de nexo de unión co resto de titulacións que xa tiñamos.

A implantación desta nova carreira no campus, permitirá captar alumnos doutras universidades?
Estou convencido. O exemplo témolo na implantación este ano do primeiro curso de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos que conta con alumnos das catro provincias galegas. Pensamos que Ciencias Ambientais vai ter unha demanda moito máis forte, polo que esperamos captar alumnos de todas as provincias galegas e tamén doutras comunidades autónomas.

O plan de estudos de Ambientais contempla tamén a incorporación directa de vinte áreas de estudo e investigación pertencentes á Facultade de Ciencias. Sen embargo, algúns físicos amosaron o seu malestar porque as oito materias nas que poderán impartir docencia non son suficientes para dar cabida aos 15 profesores de Física. Haberá exclusión de persoal docente?
Non. Non vai haber exclusión. En Medio Ambiente prevemos unha matrícula en torno aos 50 alumnos polo que a carga docente vai aumentar moi significativamente. É dicir que os profesores, aínda tendo menos materias, van ter unha carga similar á que tiñan antes con Física. Penso que neste tema deberían afastarse os plantexamentos egoístas e persoais. A Universidade é algo dinámico e un docente ten que dar docencia en función das necesidades da institución.

Comprende as reaccións que a substitución dunha titulación por outra provocou no profesorado e investigadores de Física?
Compréndoas en parte. Comprendo que unha situación de cambio poida crear un pouco de desacougo para unha persoa. Iso podo entendelo. O que non podo entender é que as defensas de posicións moi persoais e personalistas trataran de pór á institución ao pé dos cabalos. Ese simplismo por parte dalgunhas persoas indica bastante sobre a súa calidade. Na miña opinión introducíronse cuestións de carácter persoal que non me parecen lóxicas para a defensa dunha titulación. Física é unha ciencia básica, non unha ciencia aplicada que é o que eles transmitiron. Tamén confundiron tecnoloxía con física. A tecnoloxía utiliza a física, pero a física non é tecnoloxía. E esas cuestións, que nun debate externo poden ter un eco, dentro da Universidade e da facultade foi incomprensible por parte do resto de profesores.

Un dos retos que se marcou ao tomar posesión do cargo foi a adaptación do centro ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). Como vai este labor?
Polo de agora só temos un curso, que é primeiro do grao de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e vai todo ben. Hai un nexo importante entre o profesorado e o grupo de estudantes que forman este primeiro curso e isto permítenos un seguimento continuado. Tamén se están a probar modificacións no tempo de ensino que as estamos a avaliar e que pensamos que están a dar bos resultados.

Unha vez finalizada a transformación ao EEES, que considera que gaña e perde a facultade de Ciencias?
Bolonia é un proceso aberto onde a imaxinación e a intuición do profesorado pode xerar unhas expectativas importantes dentro da Universidade. Con respecto á docencia, é moi importante que cambie o sistema de docencia ao alumnado. Na miña opinión, vai ser un sistema de docencia máis creativo que vai esixir ao profesorado unha maior implicación nas clases. E ese cambio dun ensino máis memorístico a un ensino máis construtivo vai ser moi positivo para a sociedade.

O vindeiro curso o campus de Ourense pasará a ter tres titulacións exclusivas, mentres que ata o de agora só tiña unha. Como valora este feito?
Moi positivamente porque desas tres a nós tócannos dúas: O grao de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e o Grao de Ciencias Ambientais. A valoración é moi positiva non só pola exclusividade das titulacións, se non tamén pola interacción que se produce entre as diferentes materias que xa se estaban a impartir na facultade.

Que considera que unha Facultade como a de Ciencias pode achegar ao tecido económico e empresarial de Ourense en particular e de Galicia en xeral?
Un dos nosos principais obxectivos é actuar como un servizo público de cara á sociedade na que nos atopamos. Nesta liña, dentro da facultade xa hai grupos de investigación que están en contacto co mundo empresarial e queremos seguir nesa liña de interacción. Na facultade formamos profesionais cuns coñecementos bos e adaptados ao mundo no que nos atopamos. Polo de agora, o alumnado do centro ten unha inserción laboral bastante boa, polo que parece que estamos a cumprir as expectativas que o colectivo empresarial esixe aos nosos titulados.

Preocúpalle que segundo revelan algúns estudos recentes as ciencias e a tecnoloxía non son quen de espertar o interese do alumnado de Primaria e Secundaria? Que considera que se debe facer para inverter esta situación?
Efectivamente, no bacharelato hai unha clara recesión entre o alumnado chamado antes “de Ciencias”, e hai unha inclinación maioritaria cara ás tecnoloxías e ás ciencias da saúde. Na miña opinión son modas que poden ir cambiando. Son ciclos. Unha maneira de inverter esta situación no ensino medio sería facendo que o estudantado participe máis destes coñecementos. É dicir, facerlles ver que a ciencia é algo por construír, onde se poden sentir partícipes tamén. Isto podería facilitar unha maior vocación.