DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a catedrática da Universidade Complutense, Esther del Campo

A implantación dun novo modelo de goberno necesita da participación activa da cidadanía na toma de decisións

Impartiu un relatorio ao alumnado de primeiro do grao en Dirección e Xestión Pública

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 02/12/2010
O panorama económico e social actual está provocando que se dean cambios a todos os niveis, incluído o xeito de gobernar o estado, reorientando o modelo de xeito que consiga unha participación activa da cidadanía na vida da administración pública. Esta proposta de xestión é a que Esther del Campo, catedrática de Ciencia Política e Administración da Universidade Complutense de Madrid trasladou ao alumnado de primeiro do grao en Dirección e Xestión Pública, "un bo goberno con principios de lexitimidade e eficacia e cunha participación activa da cidadanía na toma de decisións" no que afondou no seu relatorio titulado Institucións para o bo goberno.

A catedrática que foi presentada polo catedrático da Universidade de Vigo, Argimiro Rojo, explicou no seu relatorio que a actual posibilidade da quebra do estado do benestar levou aos especialistas en política a plantexarse a función do cidadán dentro do entramado administrativo, pasándose, "dunha consideración de subordinación, con capacidade reducida para entrar en debate coa institución, a unha máis activa e participativa na acción de goberno". Xurde entón a figura “do cidadán impecable, que non só esixe ao goberno que cumpra os servizo pactados, senón que axuda a levalos a cabo, responsable, que vixía, que pide contas, que se compromete”, explicou Del Campo.

De este xeito, a calidade de representación cidadá vai evolucionando máis alá do dereito de ir a votar, coa implantación de mecanismos de control e avaliación da xestión pública, como son órganos consultivos ou de servizos de participación. Sen embargo, para Esther del Campo o nivel de participación idóneo vese truncado por un lado pola reticencia das administracións a ampliar os dereitos da cidadanía e por outro “unha profunda apatía do público na responsabilidade de guiar a acción de goberno”. En definitiva “aparecen novas regras de xogo con novos actores, pero as regras do xogo seguen sendo as mesmas”, concluíu.

O 'bo goberno' baseado na lexitimidade e na eficacia

Este enfoque de participación cidadá impón as claves para un novo modelo de xestión pública que a catedrática de Ciencia Política e Administración denominou "bo goberno", establecendo como base a lexitimación e a eficacia, así como unha maior presenza do ámbito privado nas resolucións. Neste contexto “a toma de decisións de arriba a abaixo vaise ver modificada por unha nova colaboración entre o público e a sociedade civil”, apuntou.

Un bo goberno é aquel que se basea na lexitimidade, isto é, consentido democraticamente, e na eficacia, na capacidade do goberno de responder á problemática cidadá. Ambos conceptos compleméntanse, pois na actualidade un goberno ten problemas de lexitimidade se non é capaz de garantir uns resultados prometidos, pero non se pode dicir que teñan unha relación de causalidade xa que “non se pode afirmar que a lexitimidade conduza á eficacia e que os gobernos eficaces sexan lexítimos”, en palabras de Esther del Campo.