DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A importancia dos lagartos en… tailandés!

130.000 tailandeses visionaron xa o vídeo do grupo Divulgare no seu idioma propio

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 06/05/2011
Galego, castelán, inglés, éuscaro e … tailandés! O vídeo dos lagartos elaborado polo grupo Divulgare, Laboratorio de Ecoloxía e Evolución das Plantas foi dobrado ao tailandés e visionado xa por máis de 130.000 tailandeses, “unha boa proba de que desde Galicia se están facendo cousas de calidade que están recibindo xa o recoñecemento desde fóra”, apuntou o profesor Luis Navarro, director do grupo, quen insistiu en que “empezamos a estar ao nivel doutros países con máis tradición ca nós no que a divulgación científica se refire”.

A iniciativa xurdiu o pasado ano cando coa participación do documental no Science Film Festival de Bangkok, un certame organizado polo Instituto Goethe, a embaixada de Francia e o Instituto para a promoción do ensino da Ciencia e da Tecnoloxía de Tailandia. O vídeo A importancia dos lagartos nos ecosistemas insulares quedou finalista e “a partir de aí xurdiu o tema da dobraxe e a súa distribución alí, sobre todo en centros de ensino”, engadiu o biólogo vigués.

Agora o seguinte paso será o francés e o alemán, “dúas linguas que nos permitirán chegar a unha importante porcentaxe de poboación fóra das nosas fronteiras”, algo que, ao seu xuízo, é fundamental para dar coñecer “o traballo que se está a facer dende as universidades e centros de investigación españois”.

Un traballo ‘multipremiado’

Coa tradución ao tailandés, o vídeo dos lagartos acada un recoñecemento máis nunha traxectoria na que xa foi recoñecido en diferentes galardóns: VIII Premio de Creación Audiovisual da Universidade de Vigo, premio do público da prestixiosa revista internacional The Scientist, trofeo Eugenio Tutor ao mellor traballo producido por unha universidade ou centro de investigación no Certame Unicaja.