DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Importante cita do Universidade de rugby ante o pechacancelas

O equipo de xadrez quere resarcirse tamén ante o colista

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 25/01/2008

O Universidade de Vigo de rugby mídese esta fin de semana ao Cornellá nun encontro decisivo para deixar atrás os postos de cola de clasificación. Os cataláns son os pechacancelas da División de Honra B polo que unha vitoria sería un gran paso de cara a afastarse do Oviedo, penúltimo da táboa, xa que o último descende de categoría e o segundo pola cola promociona.
Para este encontro, o Universidade conta coas baixas seguras de Santi Amorín, e Diego González que están lesionados. A eles hai que sumar a Rodrigo Gens, que vén de fichar polo Club Segni de Roma. Ademais, son dúbida tamén o segunda Josemari e os centros Alberto e Arri, que están tocados. Pola contra, neste encontro debutará a nova fichaxe do club, Maxi Babibi, sobriño do adestrador do equipo que, procedente de Arxentina, tramitou a súa ficha co Universidade no mes de decembro.
O encontro, arbitrado polo colexiado Ruíz García, desputarase no campus da Universidade o sábado ás 16:30 h.

O equipo de xadrez busca resarcirse

Despois da derrota da pasada fin de semana ante o Club Karpov de Pontevedra, o equipo de xadrez da Universidade busca resarcirse tamén ante o pechacancelas da categoría, o Casa da Xuventude A. As faltas de concentración e o exceso de confianza dos universitarios fixeron que perdesen o seu primeiro encontro en tres anos ante un equipo da metade da táboa, o que os fixo caer ao sexto posto da xeral. Desta volta, semella que haberá rotacións no equipo para medirse a un club no que militan vellos coñecidos dos universitarios xa que a maioría dos seus xogadores representaron á Universidade nos Campionatos de España Universitarios dos últimos anos.
O encontro comezará ás 17.00 h. do sábado, na aula de xadrez do campus de Vigo.
Pola súa banda, o equipo escolar aspira a continuar esta fin de semana a súa particular carreira para demostrar que xa non son os novatos da categoría. O Universidade de Vigo - Xadrez Galego recibe ao Fontecarmoa - A Marina, de Vilagarcía de Arousa, cuarto clasificado na xeral provisional. Aos vigueses, segundos clasificados, agárdalles un intenso encontro entre equipos da cabeza da táboa.